Truquiño: Premede en YouTube para ver o vídeo en pantalla completa.
Un total de 1127 mozos/as dos centros escolares da zona, desde educación primaria ata 2º da ESO, déronse cita na mañá deste xoves 12 de xaneiro na zona deportiva da Estrada para disputar o Campionato Zonal de Campo a Través, unha iniciativa incluída dentro do programa Xogade do servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia.
Este evento estaba previsto inicialmente para o pasado mes de novembro, pero houbo de ser aprazado polas malas condicións climatolóxicas. Un mes despois, os centros escolares volveron ser citados, de novo para un obrigado aprazamento. Finalmente, a chuvia deu un respiro e os colexios chegados da Estrada, Cuntis, Moraña e Valga puideron disputar unha competición clasificatoria para o próximo Campionato Provincial de Campo a Través.
As carreiras resultaron exitosas para nós, xa que todos os participantes conseguiron rematar a proba sen incidencias e, ademais, acadamos dúas medallas e un diploma. Consultade aquí os resultados.
En hora boa a todo o alumnado participante.
Pasámolo moi ben!
Boa proba disto son as fotos que tedes nas Galerías. Que as gocedes!