Maios
MAIOS 2023
Este ano contando coa colaboración da ANPA elaboramos e presentamos á Festa dos Maios organizada polo concello de Vilagarcía un maio tradicional e un maio artístico que representaba un faro. Coma é habitual, o alumnado encargouse de traer fiuncho, flores, froitas, laranxas...
Estes maios estiveron acompañados do coro do colexio que interpretou as coplas "Ponte ao día" coas que informaron a tódolos presentes sobre o que está acontecendo tanto a nivel mundial, nacional como no noso colexio. |
MAIOS 2022
Seguindo coa tradición do cole, ese ano elaboramos o Maio empregando o fiuncho, as flores, as froitas e demais elementos que trouxo o alumnado.
O alumnado de sexto encargouse principalmente de facer feixes co fiuncho que formaron a base do Maio, os restantes cursos repartíronse as funcións de realizar colares de flores, de laranxas, de limóns e de "cocos" que xunto coas calas e outras pequenas flores adornaron o Maio. Moitas grazas ao alumnado, ao profesorado e ao persoal non docente polo voso traballo que deu coma resultado o noso Maio Peregrino |
MAIOS 2021
Este ano celebramos os Maios no cole elaborando entre todos os cursos, por quendas, un Maio tradicional.
Cada curso compuxo as súa copliñas e cantounas xunto ao Maio unha vez que estivo rematado. |
MAIOS 2019
O 30 de Abril celebramos os Maios no centro, elaborando un Maio tradicional e unha caixa para o que contamos coa axuda do alumnado dos distintos cursos. Tampouco faltaron as copliñas cantadas polo coro do colexio.
Estes Maios conxuntamente cun Maio Artístico, unha Cruz e un Barco que foron elaborados polos membros da ANPA do centro participaron na Festa dos Maios que organizou o día 1 o Concello de Vilagarcía sendo acompañados nas copliñas polo noso coro.
|
MAIOS 2018
O 27 de Abril cuns días de adianto celebramos os Maios no cole. Nas aulas elaboramos Maios de caixa, Maios tradicionais e Maios artísticos e o coro do cole cantóulles unhas copliñas. Pica na imaxe para ver o vídeo da actuación do coro |
O NOSO MAIO
Este ano celebramos a festa dos Maios no cole, coa realización dun pequeno Maio por parte do alumnado de Educación Infantil, ao redor do cal o coro do cole cantou unhas copliñas.
|
O MAIO PILLABÁN. MAIOS 2011
Coa chegada do novo mes, puxémonos mans a obra e elaboramos o maio para participar no concurso convocado polo Concello. Como este ano a festa foi o domingo, tivemos que facer o noso maio o sábado, para o que contamos coa axuda dos membros da ANPA. Traballamos durante toda a tarde e como podedes ver quedounos un maio moi xeitoso ao que bautizamos como o MAIO PILLABÁN. No concurso acompañamos ao maio cantando unha letriña que estivemos ensaiando durante toda a semana. |
MAIO DA FE. MAIOS 2010
Continuando coa tradición, o cole participou na Festa dos Maios, organizada polo concello de Vilagarcía o 1º de Maio. Durante toda a mañá do venres, contando coa colaboración de varios pais e nais, estivemos elaborando o noso maio cos elementos naturais que nos días previos trouxo o alumnado.
"O Maio da FE" foi o título do noso un maio, que estivo acompañado polos nenos e nenas do cole que cantaron unha letriña na que se reflexaban os acontecementos e situacións máis significativas dos últimos meses.
|
MAIO PEDICHÓN. MAIOS 2009
O día 1 de Maio o noso cole participou na "Festa dos Maios" organizada polo Concello de Vilagarcía. Presentamos un Maio cónico baixo o título do "MAIO PEDICHÓN" que estivo acompañado polo coro do colexio que cantou unha letriña sobre os temas de actualidade.
O xoves 30 de abril estivemos toda a maña elaborando o noso Maio, para o que empregamos fiúncho, flores de distintos tipos, ovos, laranxas... que trouxeron os nenos e nenas nos días previos. Todos os grupos colaboraron na elaboración do Maio e contamos tamén coa axuda dos pais e nais que se achegaron ata o centro para botarnos unha man con este traballo. Finalizamos o día realizando o último ensaio da letriña ante o Maio.
|