Complementarias e Extraescolares

SEGUIMOS ANTROIDANDO

Rematada a semana dos mandados, na que cumprimos fielmente co que o señor Antroido, este ano a señora Árbore, nos indicou; chegou o día grande!

     

 

E aló imos todos; caracois, paxaros, árbores, xoaniñas, píntegas, escornabois, raposos... Todo unha fraga do CEIP plurilingüe de Sigüeiro, a desfilar polo pobo e xuntarnos cos nosos compañeiros e compañeiras dos outros colexios do concello. 

   

      

De volta ao cole, a comer filloas, orellas...! E a xogar, que ben o pasamos!!!

 

GRAZAS a todos e todas os que nos axudaron para poder celebrar o antroido dunha maneira tan divertida: a papás e mamás que puxeron música en vivo coa gaita e pandeireta e que nos fixeron filloas alí mesmo no cole (todo un luxo), á ANPA que nos acompañou no desfile portándonos a pancarta, ao concello que nos brindou a súa axuda a través dos membros de protección civil... Sen a vosa axuda, todo iso non sería posible.

 

 

Mandados do Meco

17/02/2020 09:45
21/02/2020 14:00

 Rapaces e rapazas,

o Entroido vai comezar,

e aquí os mandados

que o Meco vai ordenar.

 

E ordenar, ordenou

coma todos estes anos

que estes mandados 

sexan encadeados!

Xincana pola Igualdade

Este venres, día 31 de xaneiro, os nenos e nenas de primaria participaron nunha xincana moi divertida.

Nela foron realizando diferentes xogos e actividades cun tema común: A IGUALDADE.

Debemos fomentar nos nenos e nenas un pensamento consciente polo respecto á diversidade e á empatía cos demais. A través de actividades lúdicas descubriron que non temos que discriminar a ninguén por razón de sexo e reflexionaron sobre diversas conductas habituais na vida diaria que deberiamos cambiar porque son moi discriminatorias.  

 

 

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> Xincana Igualdade

2ª CHARLA DA GARDA CIVIL, ACOSO ESCOLAR

Hoxe, coincidindo coa celebración da Paz, tivo lugar no cole a segunda das charlas da Garda Civil, para o alumnado de 5º e 6º de Primaria, dentro do Plan Director para a Convivencia e a  mellora da Seguridade nos Centros. A través da interpretación con roles diversos, o alumnado puido achegarse aos sentimentos que pode experimentar alguén acosado. Estiveron reflexionando sobre varios aspectos das súas relacións e sobre o dano que poden causar cando non tratan axeitadamente a algún compañeiro/a. Foi moi interesante.

 

 

 

QUE BEN O PASAMOS CON MAMÁ CABRA!

Chegou o día! Pola nosa biblioteca pasou Gloria e Tomi "Mamá Cabra". Interpretaron temas do seu libro CD "A fraga do meu avó", ademais dalgún outro, como o tan coñecido "Glu glu glu plas plas plas navegando polo mar", do que nos contou que naceu nunha aula de Infantil do noso cole. Divertímonos un montón e soubemos que as fragas están cheas de vida e de moitas curiosidades. Falounos do peto, da pega marza, da píntega, das augas dos ríos ou das fontes, das prantas que curan... E para rematar agasallámolas cunha árbore autóctona para que levasen á súa fraga, unha faia. Queremos que medre moito e que cando a miren lembren ao CEIP de Sigüeiro. GRAZAS por visitarnos!

 

 

 

COMEZAMOS "ENTENDÉNDO-NOS"

Hoxe botou a andar o noso proxecto "Entendéndo-nos" da psicóloga Montse Lata, experta en Mediación, dentro da liña do Contrato Programa Con-Vive. Leváronse a cabo dúas sesións co alumnado de 5º e 6º respectivamente, no salón de actos. Montse fíxonos saber que os conflictos non se poden evitar e debemos aprender a sacar o bo deles. 

Destas sesións tiñan que saír tres nomes de cada grupo, elixidos polos propios compañeiros/as. Estes serían os/as que asistirían ás sesións de formación para ser mediadores. Que características debían de cumprir? Pois entre todos apuntamos varias, queriamos alguén que nos escoitara con atención, que non nos xulgara, que empatizara con nós, que fose positivo, que tivese sentido do humor... 

 

Visitamos a Casa das Ciencias e o Planetario

Hoxe tiñamos programada unha saída moi especial para 5º e 6º de Primaria. Achegámonos ata a Coruña para visitar o primeiro dos museos científicos, a Casa das Ciencias e, como non, o seu planetario.

Na planta baixa recibíanos, coma sempre, o seu inmenso péndulo, para percatarnos do movemento da Terra; e a incubadora de pitiños, na que xusto acababan de nacer dous. Nas seguintes plantas, unha morea de actividades interactivas para aprender e disfrutar coa ciencia.

  

Por último, na planta máis alta, o planetario ofreceunos a "Noite do vampiro" e aprendemos a identificar as estrelas e constelacións que se poden observar un día coma hoxe dende Galicia. Ata puidemos ubicar a recentemente denominada estrela "Rosalía de Castro" co seu planeta "Río Sar".

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> Casa das Ciencias e Planetario (5º e 6º)

Visita dos bombeiros

Este martes e mércores, días 21 e 22 de xaneiro, visitaron o cole un grupo de bombeiros do Distrito Forestal de Ordes. Con eles puidemos ver o funcionamento de varios dos seus aparellos de traballo entre os que se atopaba o seu camión!

Tamén nos deron a coñecer moita información interesante sobre o coidado dos nosos montes.

 

  

 

CAMPO A TRAVÉS - FASE INTERCOMARCAL

Xaneiro 2020

Este sábado, 18 de xaneiro, celebrouse en Santiago de Compostela a Fase Intercomarcal do Campionato de Campo a Través.

O circuíto estableceuse no Parque Eugenio Granell con diferentes distancias para as categorías Benxamín, Alevín, Infantil e Cadete.

Do noso centro competiron os alumnos e as alumnas das categorías Benxamín (feminina e masculina), Alevín (feminina) e Infantil (feminina e masculina).

A pesares da choiva, foi unha mañá moi divertida na que os nenos e as nenas do CEIP Plurilingüe de Sigüeiro realizaron un esforzo enorme do que estamos moi orgullosos e orgullosas.

Parabéns polos resultados e pola actitude respectuosa e deportiva que sempre amosades!

  

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> 2ª Fase - Campo a Través

Unboxing Alice, teatro en inglés

Hoxe o alumnado de 5º e 6º desprazouse ata o auditorio ABanca en Santiago para asistir a unha representación teatral en inglés.

A obra consistía nunha adaptación do conto de Lewis Carroll "Alice's Adventures in Wonderland" (Alicia no País das Maravillas) na que os protagonistas eran os xemelgos Tweedle Dee e Tweedle Dum convertidos en youtubeiros e presentándonos o seu video "Unboxing Alice".

 

Durante o espectáculo, algúns alumnos/as puideron participar como voluntarios na "Tea Party" (festa do té) interpretando as famosas personaxes da escena: the white rabbit (o coello branco), the dormouse (o rato durmiñón) e, por suposto, Alice (Alicia).

Un show fantástico no que ademáis de divertirnos, aprendemos un montón de cousas!

Álbum: Curso 2019 - 2020 -> Unboxing Alice