Saltar navegación.

ESTAMOS DE NORABOA!!!!

 

 

A prestixiosa rede Meteoclimatic acaba de outorgar o selo de calidade termopluviométrico á estación meteorolóxica do noso colexio. Este distintivo de carácter definitivo na devandita Rede recoñece a constancia e calidade no envío de datos desde o momento de instalación da estación, alá polo mes de novembro de 2020, e ademais permite que as informacións relativas a pluviometría e temperatura entren nas táboas de datos que aparecen no sitio web da devandita Rede diariamente. Do mesmo xeito, ao acceder á estación mediante a ligazón de Meteoclimatic podemos consultar todos os nosos datos históricos.

https://www.meteoclimatic.net/perfil/esgal1500000015510A

No que levamos de ano 2021 Neda está a destacarse como un dos lugares con maior pluviometría de España, xa que, con case 600 litros por metro cadrado, atópase actualmente no cuarto lugar coa precipitación máis elevada.
Meteoclimatic é unha rede de estacións meteorolóxicas de España, Portugal e Andorra, á que achegan datos diariamente case 1.500 estacións meteorolóxicas de particulares, concellos, colexios, etc. En Galicia existen unhas 30 desas estacións, das cales 15 posúen algún tipo de distintivo de calidade, como o que se acaba de outorgar á nosa. Desde a súa instalación no colexio realizamos diversos cambios e melloras na estación, así modificamos o seu emprazamento, colocándoa nun mastro metálico fixado con catro ventos, substituímos o conxunto de catavento e anemómetro, xa que non emitía datos fiables, tamén se engadiu ao pluviómetro un soporte para evitar que as aves aniñen ou realicen as súas deposicións nel e, máis recentemente, completamos os datos que ofrecemos, engadindo á estación un sensor de calidade do aire.