Ola rapazas e rapaces. Xa está aquí o mes de xuño e xa vamos pouco a pouco camiñando cara ao final deste curso que está a ser tan raro pola situación que vivimos. Pero hai que tentar de mirar todo con positividade e este curso tamén tivo cousas boas para lembrar.
Estes días non quero sobrecargarvos de traballo, así que vos fago unha proposta de poucas actividades a ver que vos parecen. Primeiro imos xogar a sermos xornalistas, logo estudantes de belas artes nos seus primeiros pasos, aprendendo ademais unha morea de cousas sobre historia da pintura, logo repasaremos a modiño as dúas últimas unidades vistas en ciencias da natureza e matemáticas a través dun vídeo e finalmente teremos unha actividade lixeira de ciencias sociais. Tédelas aquí a continuación. Espero que vos gusten. Un saúdo cariñoso coma sempre, Jesús.
Investigación periodística
Fai uns días, Greenpeace publicaba un informe sobre un novo impulso da contaminación mediante plásticos causada polo abandono de máscaras e de luvas de plástico empregados como medida de contención do contaxio do coronavirus. Credes que é certo? O noso traballo vai consistir en converternos en xornalistas, mesmo saír á rúa en busca de información, e verificar e dar testemuña de se isto é así ou non. Para isto podedes empregar a procura de información na rede, o uso de imaxes rechamantes ou entrevistar a amigos e familiares para sondar cales son as súas opinións. Tamén poderedes explicar a vosa.
Con todo o material que recompiledes, escribide un artigo de entre unha e tres páxinas, acompañado de imaxes e debuxos se queredes, onde tratedes o problema ambiental que supón desfacerse de maneira inadecuada de estes elementos de protección, de que cantidade de lixo estamos a falar e se pensades que podería haber algún tipo de pautas o solucións para erradicar este problema.
É un traballo de busca e de reflexión, tratade sobre todo de atopar unha voz propia.
Educación Artística
Para esta semana propóñovos estudar a técnica do claroscuro e tentar facer un debuxo usándoa. Nun adxunto embaixo tedes toda a información.
Matemáticas/Ciencias da Natureza
Repasamos a última unidade de ciencias da natureza a través deste vídeo da profe youtuber Noemí que tamén nos fala das medidas, que vimos na unidade 7 do libro de matemáticas.
Ciencias Sociais
Tedes que ler os artigos de A túa revista nas páxinas 82 e 83 do libro e responder ás preguntas que vos fan para cada un deles sobre a Unión Europea.
Adxunto | Tamaño |
---|---|
Actividade de educación plástica o claroscuro.pdf | 4.14 MB |