ACTIVIDADES 12ª SEMANA DE CORENTENA 2ºA
1/6/2020
Bo día, rapazada! Como estades? Hoxe comezamos un mes novo: xuño! É o último mes deste curso... Xa falta pouco para que comecen as vosas vacacións, só unhas semanas... Parece mentira como pasa o tempo, non? E falando de tempo... Hoxe tráiovos un tema moi chulo: O paso do tempo!
Que tedes que facer?
1º) Clicar na imaxe de abaixo para abrir o libro de Vicens Vives, xa vos vai abrir no tema do paso do tempo. Podedes pasar as páxinas dándolle as frechas da esquerda e dereita.
2º) Ler con atención, sobre todo, os parágrafos que teñen o título en laranxa e o texto en rosa e vermello, ata a páxina 109.
3º) Facer as seguintes actividades: páxina 104: 6; páxina 105: 8; páxina 107: todas; páxina 108: 10; páxina 109: todas.
Como actividade extra quero propoñervos unha relacionada coa actividade anterior: escribir sobre como era algo ou alguén no pasado, como é no presente e como credes que será no futuro. Podedes facelo sobre vós mesm@s, sobre a vosa mascota, sobre unha cidade...o que vos apeteza! Como tedes que facelo? Por escrito, en calquera formato (ordenador, a man...), construir algunhas oracións describindo esa cousa o persoa en cada unha das etapas. Ademais, podedes acompañalo de fotografías e debuxos (para o futuro, por exemplo). Póñovos un exemplo:
O MEU GATO SANTI
PASADO: En xullo do 2018 coñecín ao meu gato Santi, era un cachorro de un mes. Camiñaba torpemente e era moi pequeniño, ademais, estábanlle a sair os dentes e aínda non podía comer comida de gato adulto.
PRESENTE: Agora no 2020 Santi ten case dous anos e pesa 5kg. Gústalle moito xogar e durmir. É moi medoso e cando chega alguén que non coñece á casa, escóndese rapidamente na cama e non sae de aí ata que se vai a visita.
FUTURO: No futuro penso que vai ter que aprender a convivir con outro gato, pois algún día traereille un compañeiro da súa especie. Non sei se lle gustará ao principio, mais penso que despois faralle moita compañía e se divertirán moito xuntos.
2/6/2020
Bo día, rapazada! Este venres 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente. Cada ano, este día adícaselle a unha cousa concreta relacionada co medio ambiente, e no 2020 o tema elixido foi a biodiversidade. Para celebralo, este venres publicarei un vídeo cos vosos traballos deste curso por protexer o medio ambiente.
Que tedes que facer hoxe? Moi sinxelo:
1) Ver os seguintes vídeos nos que se explica o que é a biodiversidade e como coidar o medio ambiente e así protexela.
2) Mandarme unha fotografía ou un vídeo voso en galego exemplificando como coidar o medioambiente e así axudar a manter a biodiversidade, por exemplo, Iker mandou unha onte de como este finde recolleu lixo no campo. Tamén podedes mandarme un debuxo, por exemplo, de como evitar que desaparezan especies de animais ou plantas: diminuindo a explotación forestal, os incendios ou a caza de especies en perigo de extinción.
Como o vídeo teño que telo feito o venres, preciso que me mandedes as fotos, vídeos ou debuxos entre hoxe martes e o mércores, para que me dea tempo de montalo!
Como actividade extra vos propoño facer a páxina 3 do caderno de Mates Números y Operaciones 5.
3/6/2020
Bo día, nenas e nenos! Como estades? Hoxe quero lembrarvos que tamén fagades as actividades dos especialistas das diferentes áreas: os retos de Música, as actividades do blogue de English, as de Educación Física, as de Relixión Católica...
Que tedes que facer hoxe? Repasar un pouquiño de ortografía!
1º) Tedes que ver o seguinte vídeo:
2º) Facer o seguinte reto: escribir todas as palabras en castelán que se vos ocurran con ZA, CE, CI, ZO, ZU. Só contarei as que están ben escritas! Non me vale se poñedes "zigüeña", por exemplo! Tedes ata o venres pola noite para entregarmas, a semana que vén publicarei o podio coas 3 persoas que me mandaron máis palabras. O importante deste exercicio é que vos sirva para lembrar que o Z case nunca vai con E nin con I (só nunhas poucas palabras como zinc, zigzag, Nova Zelanda...), porque estou a ver nas tarefas que me mandades que algúns e algunhas aínda ás veces me poñedes algunha palabra con "zi" ou "ze".
Como actividade extra propóñovos facer as páxinas 4 e 5 do caderno Números y Operaciones 5 de Mates.
Lembrade que hoxe nos vemos ás 17h en Cisco Webex e imos xogar a adiviñar quen é quen polas autodescricións!!
4/6/2020
Bo día, nen@s! Como estades? Onte paseino moi ben convosco na videochamada! Mirade, hoxe vos propoño actividades de Plástica relacionadas co proxecto do cole deste ano: o cine. Douvos dúas ideas e facede a que máis vos guste, ou as dúas! Xa vos aviso que ides precisar tempo e algo de axuda da familia para facelas. Non hai presa, enviádemas cando poidades, facédeas con calma.
A primeira proposta é construir un proxector de cine para o móbil. Ides precisar, entre outros materiais, unha caixa de zapatos e dúas lupas de diferentes tamaños.
A segunda proposta é facer un flipbook. Que ten que ver co cine? Pois que o seu funcionamento é similar ao das películas de cine, nas que o que vemos é unha sucesión de moitas imaxes por segundo, e é o que da a sensación de movemento. De feito, así é como se facían as películas de animación (as de debuxos) cando aínda non había programas de debuxo dixital nos ordenadores.
Para esta actividade precisaredes moito papel mais en en trozos non moi grandes, para deslizar comodamente as follas. Déixovos varios vídeos de exemplos e uns consellos moi importantes.
1) Recoméndovos escoller unha idea moi, moi sinxela (unha pelota que bota, unha nube que bota auga, unha planta que medra...) pois o debuxo tedes que repetilo moitas veces moi similar para que dea a sensación de ser o mesmo que se está a mover.
2) En cada folla o movemento respecto da anterior ten que ser moi, moi sutil. Se a pelota está na esquina superior dereita, non podedes facela na folla seguinte na esquina inferior esquerda, tedes que que ir baixándoa pouco a pouco, en cada debuxo un pouquiño, para que dea a sensación de moverse.
3) Utilizade primeiramente un lapis suave, e cando esteades seguros dos vosos trazos podedes repasar con un rotulador.
4) Podedes calcar unha imaxe (dunha revista ou dun libro podedes facelo no cristal da fiestra, se está nun móbil podedes facelo na pantalla mesmo).
Entenderédelo mellor con estes exemplos en vídeo que vos deixo aquí:
Como actividade extra hoxe pídovos que vexades os capítulos 14 e 15 de Pippi e me fagades un pequeno resumo en castelán do que acontece en cada un. Mañá ás 12h comentaremos os capítulos cos compis de 2ºB!!
5/6/2020
Bo día, rapazada! Hoxe é o Día Mundial do Medio Ambiente. Aquí tedes o vídeo que fixen con todas as vosas aportacións. Lembrade, o máis importante non é "saber como coidar o medio ambiente" senón facelo todos os días!!
Hoxe vouvos deixar só unha actividade: resolver os problemas de Matemáticas que deseñaron @s vos@s compis. Os tres que deseñastes vos mesm@s, non os fagades de novo.
Lembrade, vémonos ás 12h con 2ºB en Cisco Webex!! E comentaremos os capítulos 14 e 15 de Pippi!!