Skip to Content

Un día moi completiño

Comezamos cunha viaxe un tanto especial, e é que desta vez no canto de ir en autobús iamos viaxar en tren para chegar á capital de Galicia.

A primeira parada foi no Parlamento, onde coñecemos o edificio, as diferentes salas, as bibliotecas e despachos... Pero o máis importante de todo foi que entendemos o funcionamento desta Institución e dende o hemiciclo puidemos ver as cousas dun xeito un pouquiño diferente. Ademais da guía, tivemos a sorte de que parte da visita fixémola acompañados por Dª. Marta Rodríguez Arias, que nos puido aclarar cantas dúbidas ían xurdindo.

E bulindo, bulindo marchamos cara o Museo do Pobo Galego, onde iamos observar embarcacións e diferentes elementos da pesca que nos fixeron lembrar o proxecto do curso pasado, así coma roupas, elementos de vivendas, escolas e oficios de antano...

E sen descanso na nosa peregrinaxe pola cidade chegamos á Catedral de Santiago, onde puidemos observar diferentes elementos arquitectónicos e artísticos, así como descubrir algunhas curiosidades coma a función do botafumeiro.

Despois de comer e xogar un pouco no parque, entramos no Museo de Historia Natural e, aínda que pareza incrible case nos chamou máis a atención a colección de minerais que todos os animais que alí había.

 



story | by Dr. Radut