Maios 2016
A semana dos maios no noso cole convértese nunha festa pero, tamén, nunha semana de duro traballo para conservar esta fermosa tradición.
Recolectamos flores, fiuncho, margaridas, cocos, ovos, paus, xestas, follas de camelio... e ímolas depositando en caixas decoradas polos máis pequenos do cole e en barreños con auga para que aguanten ata que confeccionemos os maios.
Pintamos os ovos, facemos collares de margaridas e de cocos, cadeas de fiuncho... pero tamén temos un traballo previo:
- Solicitamos formalmente o cono e o hórreo á ANPA, que como cada ano prestouse a colaborar en todo o necesario.
- Redactamos a nota para pedir ás familias os elementos naturais que iamos precisar.
- Escribimos as coplas.
- Deseñamos as composicións.
- Calculamos canto arame, cordel e demais materiais imos precisar.
Que non todo vai ser troula!!!
Durante toda a semana tamén ensaiamos no recreo as coplas para poder ir cantalas o domingo!
Este ano os nosos maios teñen moito que ver co proxecto do cole "O Bosque de Sabela" por iso quen máis protagonismo tivo foi a nosa mascota Sabela. A que quedaron preciosos?
Dende o cole queremos agradecer a colaboración das familias durante toda a semana e destacar ás que se acercaron a cantar o domingo, que fixo que o noso coro fose o máis numeroso. GRACIÑAS!!