Skip to Content

Entroido 2019

Un ano máis o cole de Rubiáns converteuse nunha gran festa para conmemorar o Entroido.

Sabela coñece Galicia é o proxecto que estamos a desenvolver neste curso, así que o Entroido foi unha mostra de elementos típicos da nosa terra.

Non faltaron as pulpeiras do Carballiño representadas pola clase de 3 anos. Os de 4 vestiron o traxe tradicional feito con material de refugallo. Os de 5, creceron de súpeto e transformáronse en velliños e velliñas. 1º lembrounos unha das profesións tradicionais da nosa cultura, os afiadores. Os nenos e nenas de 2º representaron unha parte esencial da nosa terra, os gandeiros.... e ata levaban as vaquiñas! Os de 3º amosaron unha importante atracción turística e fixeron o "Camiño" vestidos de peregrinos e peregrinas. 4º achegounos unha das lendas máis antigas do floclore galego e "asustáronnos" vestidos da Santa Compaña. 5º recreu un dos entroidos tradicionais como son as Madamas e Galáns de Vilaboa. E non podía faltar unha homenaxe a tantos homes e mulleres que tiveron que deixar o fogar en busca de oportunidades, por iso os de 6º disfrazáronse de emigrantes. 

Despois de recorrer o camiño entre o cole e a centro cultural da Parroquia, cantamos as coplas que cada clase compuxo a corde co seu disfraz ante un público entusiasta. Seica non o fixemos moi mal, pois non caeu unha gota!!

De volta ao cole, degustamos unha estupenda merenda chea de doces típicos destas datas.

Grazas ás familias polas achegas!

 

 


page | by Dr. Radut