Responder ó comentario
Sementamos árbores da Paz
Este ano o Día Escolar da Non Violencia e a Paz serviunos para aunar os proxectos que estamos levando a cabo no cole: o PDI "O Bosque de Sabela" e o proxecto de Voz Natura.
A actividade estrela do proxecto de Voz Natura é o viveiro de castiñeiros que estamos realizando e a súa plantación no monte. Previo a esta plantación tivemos unha charla a semana pasada a cargo de Xurxo Abuín, presidente da Comunidade de Montes, quen incidiu en como nós podemos axudar a coidar e preservar os nosos bosques.
O venres comezamos a xornada plantando no patio a faia que nos regalou a Comunidade de Montes. Os máis pequenos foron os protagonistas e gozaron moito botando o abono, a terra e regando a faia. Todos prometemos coidala moito ata que medre moi moi alta.
Despois, o alumnado de primaria acompañados por Protección Civil, fixemos unha camiñata ata o monte, onde nos agardaban para plantar os castiñeiros.
Pásamolo moi ben e aprendemos un montón de cousas sobre a plantación: que o abono de longa vaille servir de alimento á árbore durante os primeiros meses, que hai que botar terra despois porque o abono non pode estar en contacto coas raíces, como protexer ás árbores para que os coellos non poidan comer a casca.....
Despois de repoñer un pouco as forzas voltamos ao cole, onde aínda iamos realizar a derradeira actividade do día.
Este ano centramos o Día da Paz na figura de Wangari Maathai, que xa coñeciamos do ano pasado, pero neste tamén nós fomos Wangari por un día e axudamos a reforestar o monte comunal.
Escoitamos a súa historia narrada polo alumnado de quinto e sexto nun libro LIM que tedes na entrada anterior e que podedes volver a escoitar e facer as actividades.