Skip to Content

Formación do profesorado

O profesorado do cole está en continua formación. Neste caso, o tema a tratar foron as matemáticas manipulativas da man de Manuel Felpeto, grazas ao CFR de Pontevedra. Regletas, centicubos, xeoplanos, espellos... Cantos materiais para comprender mellor os conceptos matemáticos!

 
 

Visita de María Lado

Rematamos o mes de febreiro coa visita de María Lado, coautora de Caramomia, da man de Faro da Escola e a Edictorial Xerais. A experiencia foi marabillosa, explicounos todo o proceso creativo e resolveu todas as dúbidas de cativos e cativas. Antes de marchar asinou cadanseu libro.
Moitas grazas, María por vir ao noso cole! Agardamos volver repetir.

 

Día de Rosalía 2024

Hoxe celebramos o Día de Rosalía con motivo do seu aniversario. Nesta ocasión todo o cole traballou o poema "Adiós ríos, adiós fontes". Entre todos realizamos un mural no que representamos cada estrofa do poema e quedou precioso.

Despois, reunímonos para recitar cada grupo a súa estrofa e escoitar da boca da mesmísima Rosalía un fragmento do poema. Para finalizar cantamos xuntos a versión musicada do poema que fixo o grupo Astarot.

 

 

Escola de Familias

 

Estimadas familias, informámosvos que este curso retomamos a Escola de Familias organizadas polo CFR de Pontevedra. A primeira cita será o vindeiro martes, día 5 de marzo de 19:00 a 21:00 horas. Contaremos con servizo de gardería co cal podedes vir acompañados dos vosos fillos e fillas. 

Nesta primeira charla, contaremos con Manuel Santos Nores, psicólogo e adestrador de baloncesto, que nos falará das emocións, da súa xestión e o seu control. Tamén falaremos de normas e límites e, como non podía ser doutro xeito polo proxecto que estamos a traballar este curso, da deportividade e a competitividade no deporte.

Estamos seguras de que aprenderemos moito.

Animádevos a asistir!

 
 

Visita do escritor Eduardo Santiago

Hoxe o escritor Eduardo Santiago veu falar connosco do seu libro "A miña amiga invisible", grazas ao programa Faro da Escola, de Faro de Vigo, e a colaboración da Editorial Xerais.

Ademais, falamos de como se inspira en persoas que coñece para escoller os nomes e outras características das súas personaxes, de como se inspira noutros libros, do proceso dende que escribe o libro ata que se publica e moitas cousas máis. Incluso nos dixo cal é o seu libro favorito da literatura infantil en galego.

Moitas grazas por vir, Eduardo Santiago. Quedamos con ganas de ler "O mundo máxico de Lía".

 

 

 

 

Xornada portas abertas 2024

 

O vindeiro martes 27 de febreiro de 16:00 a 17:00,  faremos unha xornada de portas abertas para as familias do alumnado de nova incorporación. Se queres coñecer a nosa escola, ven visitarnos! 

Se che gustaría coñecer o cole pero non podes vir, fai unha visitia virtual na seguinte ligazón:

TOUR VIRTUAL

 

Día da muller e da nena na ciencia 2024

Un ano máis conmemoramos o Día da Muller e da Nena na Ciencia para visibilizar a existencia de mulleres que se adican á ciencia e o seu labor.

Nesta ocasión as científicas do CSIC Patricia Martín, Jennifer Fernández e María Rivo explicáronnos a través de videoconferencia como a Historia tamén precisa da ciencia para descubrir cousas do pasado.

A elas costoulles decidir a que se ían adicar, peri ti, se tes unha das cualidades fundamentais de calquer científico ou científica, a curiosidade, podes adicarte a algunha das moitas ramas da ciencia. 

Sabela presentounos a unha morea de científicas nunha exposición. Cantas cousas descubriron!

Por outra banda, e para demostrar que as nenas e as mulleres tamén poden facer ciencia fixemos un panel no que Marie Courie ten na man un recipiente que se ilumina ao premer no interruptor dun circuíto eléctrico.

Entroido 2024

Aínda que a chuvia non nos permitiu saír ata o centro cultural, que ben o pasamos na celebración do Entroido!

Comezamos a xornada desfilando ante os nosos compañeiros. Non faltaron os aros e antorchas olímpicas, deportes e deportistas. A cada cal, mellor.

Despois, cantamos a comparsa creada para a ocasión e fomos merendar os doces típicos feitos polas familias.

Rematamos a mañá xogando e bailando no ximnasio. Pasámolo xenial!

 

 

Cantamos no Entroido co centro de día

Nunha nova visita os maiores do Centro de día Vilagarcía foron os que cantaron para nós a súa comparsa de Entroido e, como non podía ser doutro xeito, nós cantámoslle a nosa.

Despois fixeron un pequeno maceteiro que pintarán na vindeira visita e levarán de recordo. Os mestres e mestras alfareiras de 4º guiáronos moi ben e marcharon encantados.

Unha vez máis a experiencia foi moi enriquecedora para todos e todas.


Coñecemos as emocións no deporte

Continuamos coas actividades ao redor do Día da Paz. Nesta ocasión Saúl Ares falounos do xogo e das emocións no deporte. Que sentimos ao gañar ou perder? E cando é o meu rival ou o meu equipo favorito quen o fai? Que emocións se presentan mentres agardo o resultado da foto finish?

E como non, puxemos en práctica a teoría e analizamos como nos sentimos se non nos sacan a xogar e quedamos mirando.

Grazas, Saúl por unha mañá tan interesante!

Distribuir contido


by Dr. Radut