Skip to Content

INFORMACIÓN E PETICIÓN ÁS FAMILIAS

Prezadas familias:

O profesorado do CEIP de Roxos, desexa que todos e todas esteades ben.

Esta situación non resulta sinxela para ninguén, pero é necesario seguir as recomendacións do Ministerio de Sanidade, coidándonos e coidando aos demais e isto facémolo quedándonos na casa.

Dende Inspección pídesenos á dirección do centro, para enviar a Xefatura Territorial, un informe global notificando os casos do alumnado e profesorado do centro sen acceso a Internet para poder buscar opcións de cara á terceira avaliación.

Por tal motivo prégasevos comuniquedes, como moi tarde o venres 3 de abril, aos respectivos titores e titoras dos vosos fillos e fillas mediante os enderezos electrónicos facilitados na web do centro ou, no caso de non ter acceso ao e-mail, ao propio centro no teléfono 881.867.434 en horario de 10:00 a 13:00 se algún de vós os atopades nesta situación.

Agradécesevos a vosa colaboración para que nos axudedes a transmitir este chamamento ás familias coas que esteades en contacto e saibades que non dispoñen de Internet na casa.

Queremos aproveitar esta comunicación para mandar unha mensaxe de tranquilidade e calma. As mestras e mestres do colexio deseñamos actividades para que os vosos fillos e fillas as vaian facendo na casa. Sabemos que non é unha tarefa sinxela, que moitas familias non tedes impresoras, nin ordenadores, ou temos que compartilos na casa, que as tablets non funcionan todo o ben que quixeramos... pero ante todo TRANQUILIDADE:

  1. As actividades que propoñemos a través da páxina web do colexio non é necesario imprimilas, podédelas facer nas libretas ou en folios, aproveitando os recursos que tedes nas vosas casas.
  2. Non é necesario que se copien os enunciados das actividades.
  3. Se alguén non é capaz de resolver as actividades, ou ten problemas coa páxina web, podedes enviar un correo a calquera das direccións de correo electrónico que o profesorado facilitouvos a través da web do centro e estaremos encantados de axudarvos.
  4. As actividades están clasificadas por materias. NON É PRECISO FACELAS TODAS. Cada un de vós pode ir facendo pouco a pouco o que máis lle guste, seguindo o voso ritmo, sen apuros e sen presións. NON HAI PRÉSA.
  5. Se alguén está nunha situación que lle impida realizar estas tarefas, non pasa nada, este non ten que ser un motivo de preocupación. NON SON AVALIABLES, é dicir, non imos poñer notas.

Non quero despedirme sen salientar que neste momento temos todas e todos unha prioridade, que é coidarnos e coidar aos demais da mellor maneira que poidamos; estamos a vivir unha situación excepcional que require da nosa creatividade e imaxinación para resolver os pequenos obstáculos do día a día.

Seguiredes atopando na dirección unha canle aberta de comunicación a través do correo institucional (ceip.roxos@edu.xunta.gal) onde trasladar calquera dúbida ou inquietude.

Un cordial saúdo

María Jesús Pérez

Directora do CEIP de Roxos



story | by Dr. Radut