Skip to Content

CONCURSO DE DEBUXOS “AS LARANXAS MÁIS LARANXAS DE TODAS AS LARANXAS”

 

A Fundación Carlos Casares convoca un corcurso para ilustrar unha das historias deste famoso libro.

CONVOCATORIA _______>
As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, a famosa obra de Carlos Casares, gañou en 1973 a primeira edición do premio de Teatro Infantil Galego convocado pola Asociación O Facho, da Coruña. Foi representada por primeira vez polo grupo de teatro da dita asociación na I Mostra do Teatro de Ribadavia o 27 de maio do mesmo ano, con escenografía nada menos que do pintor, escritor e editor Luís Seoane, cuxos bocetos serían incorporados á 1ª edición do libro. Foi 1973 un ano especial para o noso escritor, igual que este, 2023, o é para nós, pois nel cúmprese o 50º aniversario da súa publicación na Editorial Galaxia.
Para celebrar este feito, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares convocan a V edición deste concurso e llo dedican a As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, e convidan a todos os nenos e nenas dos centros escolares da Limia para que presenten debuxos que reflictan, á súa maneira, algunha das historias que aparecen na o famoso libro.

BASES_______>
1. DESTINATARIOS E CATEGORÍA: Alumnado dos centros escolares da comarca da Limia en tres categorías segundo o curso:
A. PRIMARIA:
1) Primeiro e Segundo, ou [A1]
2) Terceiro e Cuarto, ou [A2]
3) Quinto e Sexto, ou [A3]
B. SECUNDARIA:
1) Primeiro e Segundo, ou [B1]
2) Terceiro e Cuarto, ou [B2]

2. FINALIDADE E FORMATO: A finalidade do concurso é ilustrar algunha das pasaxes ou historias que aparecen no libro.
O formato da ilustración será en DIN A4 ou tamaño folio, en papel ou cartolina, con calquera técnica artística que conforme a ilustración (pintura, collage, debuxo…), podendo ser un único debuxo ou unha viñeta sempre que se manteña o formato dun folio ou un DIN A4.
As obras deberán ser orixinais, en lingua galega e non poden ter sido premiadas anteriormente noutros concursos. Só se admitirá unha obra por concursante.

3. PRAZO DE RECEPCIÓN E MODO DE ENVÍO: A convocatoria estará aberta do 1 de marzo ao 13 de maio de 2023.
As obras deberán enviarse dentro nun sobre pechado grande, no que se porá tamén un sobre pequeno que conteña unha folla cos datos da autoría:
A. Nome completo e apelidos
B. Título da obra
C. Enderezo e teléfono de contacto do pai, nai ou titor da persoa participante.
O sobre grande debe ser anónimo, é dicir, nunca levar o nome do concursante. Debe levar:
• Enderezo de envío:
Oficina de Cultura - Casa da Cultura de Xinzo de Limia
R/ Curros Enríquez, 17 (Praza Carlos Casares)
36320 XINZO DE LIMIA
• E debaixo:
• Nome do concurso ao que se presente a obra.
• Título da obra que se presenta.
• Categoría na que se concursa, é dicir, cal das cinco anteriores.
O sobre grande así identificado pode entregarse de tres maneiras:
• Enviarse por correo postal.
• Entregarse na Oficina da Casa de Cultura.
• Entregarse na Secretaría do centro escolar.

4. XURADO E CRITERIOS DE VALORACIÓN: O xurado estará composto por:
A. A alcaldesa de Xinzo de Limia ou persoa en quen delegue.
B. O presidente da Fundación Carlos Casares ou persoa en quen delegue.
C. O pintor Antón Pulido.
D. Unha profesora de debuxo de centros escolares da Limia.
E. Un secretario, con voz pero sen voto.
Premiarase a creatividade, a orixinalidade, o equilibrio e composición dos traballos e os recursos técnicos empregados. O premio non poderá ser declarado deserto.

5. PREMIOS: Para cada unha das dúas categorías de idade establécense os seguintes recoñecementos:
A. Primeiro premio de cada categoría: diploma e un vale regalo de 150 euros válido durante o ano en curso.
B. Segundo premio de cada categoría: diploma e un vale regalo de 100 euros válido durante o ano en curso.
O premio fallarase o martes 17 de maio de 2023 nun acto celebrado na Casa da Cultura de Xinzo de Limia, onde será entregado.

6. PUBLICIDADE DOS TRABALLOS E DEREITOS: Coa entrega dos traballos cédese o dereito a darlles publicidade e de seren amosados nas páxinas web da Fundación Carlos Casares e do Concello de Xinzo de Limia, así como nos espazos físicos desas entidades chegado o caso.
O autor ou autora da obra é o único responsable do que nela se inclúa. Os organizadores declinan toda a responsabilidade legal sobre o seu contido.
A participación neste concurso supón a plena aceptación destas bases. Ante calquera dúbida, prevalecerá a opinión do xurado. Salvo petición por escrito, non se devolverán os traballos presentados, que quedarán recollidos no arquivo da Fundación Carlos Casares. O Concello de Xinzo e a Fundación Carlos Casares reservan o dereito, nun futuro, da publicación das obras gañadoras nas distintas edicións, previa petición formal aos gañadores.



book | by Dr. Radut