Skip to Content

Curso 2014-15

VISITA DE LEDICIA COSTAS

O día 10 de abril recibimos na nosa biblioteca á escritora viguesa LEDICIA COSTAS autora dun libro que limos os nenos e nenas de 5º e 6º titulado Escarlatina, a cociñeira defunta, e co que gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2014.

Resultounos moi divertido:

Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén. Alí Román atópase co seu avó falecido había xa algún tempo.

  Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, que moitos de nós fixemos nas nosas casas, dan paso a cada un dos capítulos desta historia de humor macabro que conseguiu estimular a nosa curiosidade polo mundo da cociña.

Ledicia foi moi amable, díxonos que ía seguir escribindo para os rapaces e rapazas, que lle gusta moito, e antes de marchar, asinou nos nosos libros cunha frase adicada a cada un de nós.

MOITAS GRAZAS LEDICIA !!!!!

VISITA DO ALUMNADO DE 5º E 6º DE PRIMARIA Á BIBLIOTECA MUNICIPAL

O alumnado de 5º e 6º de primaria visitamos o pasado 26 de marzo a BIBLIOTECA MUNICIPAL na Praza de España de Ferrol.

Percorrimos todas as plantas, nas que vimos moitísimos libros, algúns deles moi antigos, e  salas de  ordenadores a disposición dos usuarios da biblioteca.

Detivémonos na sección infantil e xuvenil situada na planta baixa e dotada de toda toda clase de libros, revistas, cómics, cds de música, películas e videoxogos que podemos levar ás nosas casas en préstamo.

Ademais, temos a posibilidade de asistir a actividades para aprender e pasalo ben, comocontacontoseobradoiros.

Saímos moi contentos e animáronnos a facer o carné de lectores para que nos sexa máis fácil disfrutar desta magnífica biblioteca.

EXCURSIÓN A LUGO DO 2º CICLO E. PRIMARIA

  • A MURALLA DE LUGO ten aproximadamente 2 km de lonxitude, 85 torres e 10 portas. Cinco desas portas son romanas e as outras cinco abríronse co paso do tempo. Tardouse en construír aproximadamente 20 anos. Desde a muralla podiase ver a cidade de Lugo.
  • No CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA MURALLA vimos dous audiovisuais nos que se amosaba como se construiu a muralla de Lugo.
  • No MUSEO PROVINCIAL DE LUGO visitamos varias salas:

    • Unha na que se expoñían moedas antigas: da época romana, da época dos Reis Católicos... e tamén algunha doutros países.

    • O claustro do que foi o convento, aquí vimos un pozo no que había unha caveira... que por suposto, non era de verdade, tal e como nos dixo unha das guías.

    • Unha sala con fotografías e outra con mosaicos. Tamén a sala de ourivaría na que había moitos obxectos de ouro e na que nos chamou moito a atención un carneiro alado e un torque, ambos en moi bo estado.

    • A cociña.

  • No CASTRO DE VILADONGA había os restos dalgunhas casas romanas e tamén unha mina. E no MUSEO vimos restos de pegadas de animais, xerróns, moedas, muíños circulares, taboleiros de xogos, ósos de animais, prendedores, xoias, fíbulas, torques...

Encantounos esta viaxe, onde ademais comimos todos xuntos e tomamos chocolate ou leite quente porque ... ía tanto frío!

Selección de recursos publicados na Aula virtual na categoría "ALUMNADO",  no curso "CEIP Recimil" (Tema 7).

EXPOSICIÓN SOBRE O ÁRTICO

Visita de alumnado de EP á exposición itinerante "EL ÁRTICO SE ROMPE" da Obra Social "la Caixa", situada na Praza de España. (Enlace á visita virtual)

"A aurora boreal ten motísimas cores, estivemos dentro dunha carpa negra onde vimos como se formaban"

"O pelo do oso polar é negro, sérvelle para aproveitar o maior calor posible".

"A lenda do raposo do Ártico: no Ártico cóntase que o raposo, de tanto dar brincos, provoca que saian chispas de neve e forman auroras boreais"

COIDA A TÚA CIDADE

   Os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º de Primaria recibimos a visita dunha representante de URBASER que nos veu a ensinar o que debemos facer para coidar a nosa cidade e mantela limpa.

  Seguro que xa o sabes pero ímoscho recordar porque é moi importante:

  • Utiliza as papeleiras. Non tires papeis , plásticos e material orgánico no chan.
  • Non tires ao chan os chicles. Tardan 5 anos en desintegrarse, custa moito arrincalos e teñen bacterias.
  • Non tires cabichas na praia,  poden tardar anos en se descompoñer.
  • Recolle os excrementos dos animais. Non deixes que o teu can se avergoñe de ti!
  • Non deteriores o mobiliario urbano. Hai que pagalo cos teus cartos.
  • Recicla utilizando o colector axeitado.
  • Os residuos tóxicos, mobles, electrodomésticos  e utensilios vellos lévaos a un PUNTO LIMPO, alí recíclanse. Podes chamar ao teléfono 981 333 034 e pasan a recollelos á túa rúa.

COIDAR A TÚA CIDADE NON CHE CUSTA NADA…….

 NON FACELO CÚSTACHE MOITO

VISITA Á AULA DE ECOLOXÍA URBANA - 3º CICLO

 Os alumnos e alumnas do 3º ciclo asistimos na Aula de Ecoloxía Urbana a unha  actividade titulada "A enerxía nos nosos fogares".

 

 Empezamos a sesión lendo unha carta que nos envían os habitantes do futuro, que por certo, pensamos que poderían  ser os nosos fillos ou os nosos netos, pedíndonos que coidemos o noso planeta Terra porque o están atopando moi estragado.

 Preocupados por esta mensaxe empezamos a pensar en grupos como poderiamos aforrar enerxía nos nosos fogares e  contaminar o menos posible.

  Por medio de xogos aprendimos que aparatos dos que usamos habitualmente consumen máis ou menos, que fontes de enerxía son máis limpas…, pero a conclusión final á que chegamos foi  que aforrando enerxía estamos contrubuíndo a coidar o noso planeta.

  A ÚNICA ENERXÍA LIMPA É A QUE  NON SE CONSUME

VISITA DO ESCRITOR DAVID F. SIFRES

Os nenos e nenas de 3° limos o libro "Un intruso en mi cuaderno" e gustounos moito. O 24 de febreiro tivemos a sorte de contar coa visita do seu autor, David Fernández Sifres.

Era moi simpático, facíanos rir e contaba chistes. O tempo pasou voando por ser tan divertido. Chamou a dúas nenas e dicíalles cousas raras e graciosas: chamoulles vampiros e extraterrestres.

Fixo preguntas sobre o libro e daba bolboretas moi bonitas e unha lambetada a quen as contestaba, pero a algúns non nos elixiu aínda que levantamos a man en todas as preguntas! Non había bolboretas nin lambetadas para todos! (Isto foi o que menos nos gustou).

Amosounos un invento seu, un paraugas máxico. Ensinounos técnicas para escribir un  libro. Falounos do seu novo libro que se titula "¡Que vienen los fantasmas!". Díxonos que tiña moza (pero que era un segredo moi segredo).

Estar co autor deste libro foi unha oportunidade única na que aprendimos moito. Algúns e algunhas queremos comprar todos os seus libros e que escriba moitos máis.

E, para rematar, asinou os nosos libros. Para moitos de nós foi a primeira vez que un escritor nos firmou un libro. 

(3° EP)

Enlace á web de David F. Sifres.

AULA ECOLOXÍA URBANA - 2º CICLO

Participación do alumnado de 3º de E. Primaria, o xoves 29 de xaneiro, no obradoiro "Os 3 R" (Reducir, Reutilizar e Reciclar) na  AEU (Aula de Ecoloxía Urbana) de Ferrol.

Ademais de aprender o proceso de elaboración de pasta de papel, fixeron un marcapáxinas que decoraron ao seu gusto con recortes de periódicos, revistas e folletos.

Selección de recursos en internet aos que se pode acceder desde a aula virtual da páxina web ou desde o seguinte enlace:

Ciencias Naturais e Sociais 3º

(Curso incluído na categoría "2º ciclo E.P.")

O alumnado de 4º de E. Primaria tamén asistiu á AEU a semana anterior, o xoves 22 de xaneiro. Neste caso o obradoiro no que participaron foi no titulado: Redes tróficas. Quen se come a quen? As actividades consistiron en xogos e fichas co obxectivo de mostrar a riqueza biolóxica da cidade e do seu contorno, descubrir as relacións alimenticias entre os seres vivos da cidade, asociar os animais cos distintos hábitats existentes no municipio e fomentar actitudes de respecto cara aos animais e ás plantas.

Recursos na aula virtual, tamén na categoría "2º ciclo E.P.":
Ciencias Naturais e Sociais 4º
 

 

SPINDERELLA. TEATRO EN INGLÉS

O venres 23 de xaneiro o alumnado de 5º de EP asistimos, na sede de Afundación de Ferrol, á representación da seguinte obra de teatro en inglés:

Título: Spinderella.

Personaxes: Cindy, Becky, DJ Dave e Karaoke King.

Argumento: A historia trataba dunha nena de 13 anos chamada Cindy que cantaba moi ben e quería ser unha estrela do pop. Vivía coa súa irmá maior, Becky, que tamén quería ser unha estrela pero cantaba moi mal. Becky era maleducada, moi mal vestida e moi egoísta. Ademais era moi mandona con Cindy e facíalle limpar e limpar sen parar mentres ela comía ata estoupar.

As dúas rapazas querían ir cantar a un show de karaoke presentado por un famoso DJ chamado Dave. Becky decidiu ir pero a Cindy non lle deixou e mandoulle quedar na casa a limpar.

De súpeto apareceu Karaoke King e Cindy quedou impresionada. El díxolle que cos seus feitizos podía convertir o seu soño en realidade. E así foi: axudoulle a facer as tarefas e da súa bolsa vermella sacou uns zapatos, unhas gafas e unha perruca azul. Grazas a Karaoke King Cindy xa estaba preparada para triunfar. Pero había unha condición: tiña que volver antes das 12 da noite.

Foi ao karaoke a cantar pero finxindo ser outra, pois tamén estaba a súa irmá. Cindy cantou moi ben, ao contrario de Becky, que quixo enganar a todos facendo "playback".

Pero ao tocar as 12 campanadas Cindy saiu correndo e caeulle a perruca. Ao día seguinte DJ Dave deu con Cindy despois de probar a perruca a Becky e a outra nena (a elas non lles quedaba ben). Ao final Cindy gañou o concurso e deixou a limpeza para Becky. A súa vida cambiou por completo.

 

Gustounos moitos e, aínda que era en inglés, entendémola moi ben!

(5º EP)

TEATRO POLA IGUALDADE

O martes 20 de xaneiro o alumnado de EP participou na actividade "Teatro pola igualdade" incluída dentro do programa "Cambiando de conto" da Concellería de Igualdade e Xuventude do Concello de Ferrol.

A posta en escena dunha versión do conto "A princesa e o chícharo" serviu de punto de partida para tratar co alumnado estereotipos sexistas  que se poden atopar nos contos, debuxos e cine como son as cores, as tarefas domésticas, os oficios, etc.Trala representación o alumnado participou nun debate sobre o que viron na escenificación teatral.

Enlaces alusivos a esta actividade:

Concello de Ferrol.

La Voz de Galicia.

Distribuir contido


by Dr. Radut