Skip to Content

 

Punto Laranxa contra o acoso escolar

PROXECTO PATIOS

Queridas familias:

O pasado curso escolar o noso colexio entrou a formar parte de Mestra de Obra. Este programa, que está sendo implementado noutros centros de ensino galegos, ten como finalidade humanizar os patios e outros espazos: renaturalizar, conseguir unha contorna acolledora e dotar o patio de novos elementos que favorezan o xogo e a relación entre iguais e co medio. Á fronte deste innovador proxecto atópase o arquitecto Fermín Blanco e o seu equipo, o Sistema Lupo.

Mestra de Obra desenvolverase ao longo de tres anos:

Ano 0: PENSAR COAS MANS. 

Ano 1: COAS MANS NA MASA.

Ano 2: MANS A OBRA.

Dentro do noso Ano 1, este trimestre, comezamos a fase de análise dos espazos e da contorna. Un punto de partida é establecer Plans da Memoria, para o cal precisamos da vosa axuda: revisade as fotos que podades ter, lembrade a historia dos distintos barrios, a creación e evolución das barriadas máis recentes...Tanto as familias que estudastes no cole, como aquelas que vos criastes nalgún dos barrios da nosa zona educativa, podedes compartir esa experiencia cos vosos fillos e fillas para poñela en común no grupo-clase (onde xogabades, o “chalet” onde estaba a nosa Educación Infantil...). Poroutra banda, as familias chegadas aos nosos barrios recentemente, podedesexpoñer cales son os motivos que vos levaron a elixir esta zona como o voso lugar de residencia, por exemplo.

Aproveitando os paseos familiares observade a vosa contorna urbana próxima. Para axudar neste proceso, os arquitectos e arquitectas de Mestra de Obra ofrecerán unha formación ás familias que, debido á situación, terá que ser virtual. Ademais, solicitarán a vosa man de obra para a elaboración dunha maqueta sobre o centro e a contorna.

Os mestres e mestras do Ramón de la Sagra estaremos encantados de recoller calquera información que axude a levar adiante este proxecto: dispoñibilidade,  posibles colaboracións profesionaise habilidades que aportar, materiais de calidade que se podan reutilizar, empresas locais de interese ...

Dende a titoría traballaremos co noso grupo o patio xa en detalle, sen perdermos de vista a conexión dos espazos do centro co barrio. Na aula aproveitaremos o plano do colexio e todas as ideas que vós queirades compartir connosco.

É fundamental a implicación de toda a comunidade educativa (incluídas, por suposto, vós, as familias) para desenvolver este proxecto con éxito. Por isto, pedímosvos a colaboración, compromiso e comprensión que mostrades sempre. Tamén queremos agradecer ao noso concello a boa acollida que nos está a mostrar.

Atentamente,

O claustro do CEIP Ramón de la Sagra.

 



page | by Dr. Radut