SAÍDA AO MONTE PARA OBSERVAR FLORA AUTÓCTONA

O vindeiro xoves, 14 de xuño, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria realizará unha actividade de saída ao monte, nun roteiro que rematará en San Pedro de Redonda, para realizar un recoñecemento de especies de prantas autóctonas. Esta actividade forma parte dunha iniciativa conxunta coa Asociación Boca de Sapo, ao frente da que están  Belén, María, Serxio, Juan, Paco e Alex, entre outr@s integrantes (entre os que coido que xa me podo incluir). En conxunto, o obxectivo é promover unha comunidade unida para coidar a contorna e defender o territorio, e a primeira acción é a creación de bosques autóctonos, e a iniciación de actividades educativas que sirvan para concienciar na idea da conservación do noso patrimonio. 

Para a a realización desta actividade teremos o privilexio de contar coa colaboración de, por un lado, Belén Lorenzo Arenal, profesora de Bioloxía no IES Fernando Blanco, e integrante da asociación Boca de Sapo, que nos acompañará  ao longo do roteiro e nos explicará as prantas atopadas. 

Antes da saída, Paco (Francisco Santiago López) realizará unha exposición audiovisual sobre a natureza endémica da Costa da Morte, fauna e flora, e daranos unha pequena charla na Biblioteca do centro. 

A continuación iniciaremos a saída, á que deberemos acudir con calzado apropiado para a auga (o mellor, botas de goma), xa que as chuvias das últimas semanas fixeron que o terreo estea encharcado. 

Irán equipados con bolsas de lixo e luvas de plástico, porque outra das actividades será a recollida de lixo no monte. Este material proporcionarémosllelo no colexio. 

Despóis da recollida de lixo, será Belén a que, xa no monte, realice a exposición sobre flora galega, que manterá durante todo o camiño de volta. 

Para prepararnos, estaremos traballando sobre as prantas autóctonas a vindeira semana. Aquí vos deixo o enlace ao blog de Belén para que os vosos fillos e fillas podan acceder a el e ir estudando para que ao chegar sexan os máis rápidos en recoñecer as especies. Tamén propoñeremos que busquen información sobre esas prantas. 

Blog de Belén Lorenzo. 

Ao longo desta semana iremos publicando máis novas ao respecto.