LUNS, 30 DE MARZO DE 2020

Non ten autorización para ver comentarios.

LUNS, 30 DE MARZO DE 2020

Bos días, pitufos e pitufas de 2º! Que tal estades? Como pasastes a fin de semana? Fixestes algo interesante? 

Estades saindo ás fiestras a aplaudirlles aos sanitarios e sanitarias? Eu si! Tódolos días, ás 20:00h.

Como ides coas lecturas de "Contos ao teléfono"? 

Agardo as vosas participacións polo abalar! Por favor, procurade utilizar as normas de escritura, poñer maiúsculas, puntos e comas. Polo menos, intentádeo!  

PRIMEIRO – Anotar na axenda o tempo de hoxe, e as medidas da vosa lentella. Seguro que xa medraron un montón!

MATEMÁTICAS -  Ficha 23 de “numeración”. (Xa case chegamos ao 1000!!) Coidado co exercicio 3, pode ser un pouquiño complicado. Se tedes dúbidas, preguntádeme. Pero non vale que o solucione un adulto.

LINGUA GALEGA – Obradoiro de xogos – Fichas 6 e 7. Fixádevos nas palabras que tedes que escribir. Todas nomean persoas, lugares, obxectos... Esta semana imos falar dese tipo de palabras. Son os SUBSTANTIVOS!

EDUCACIÓN FÍSICA – Tocaría na 3ª sesión. Inventade un xogo ou exercicio, facédeo, e, a continuación, anotádeo. Podedes anotalo na axenda ou ben nun folio ben presentado, onde poñades tódolos exercicios que vaiades facendo a partir de agora. Ese folio debe ter o nome e as datas de cada día que anotedes nel. 

CIENCIAS SOCIAIS/NATURAIS – Imos empezar a investigar sobre o noso concello.

Para isto, ides coller un folio. Poñeredes, como xa sabemos facer, o nome e apelidos, e a data. Esta vez, imos facelo con bolígrafo.

Logo, poñeredes como título, en maiúscula: “O MEU CONCELLO”.

Debaixo, anotaredes o seguinte:

"O municipio ou concello é o territorio gobernado por un alcalde e uns concelleiros."

E logo, anotades e contestades as seguintes preguntas: (anotades as preguntas con bolígrafo azul e contestades con lapis)

·  Cal é o nome do teu concello?

· A que provincia pertence?

· En que comunidade autónoma está situado?

· Dentro de que país?

Podedes atopar información sobre o voso concello preguntando aos adultos ou buscando nas seguintes páxinas web: (a información está xa ao principio e é moi fácil de atopar)

 

-  Concello de Corcubión: https://es.wikipedia.org/wiki/Corcubi%C3%B3n 

-  Concello de Cee: https://es.wikipedia.org/wiki/Cee

-  Concello de Fisterra: https://es.wikipedia.org/wiki/Finisterre_(Espa%C3%B1a) 

Para hoxe, rematamos con esta tarefa. Pero gardade o folio, porque continuaremos con isto durante esta semana. 

HORA DE LER - Escolle unha lectura e le 20 minutos de forma ininterrumpida. 

VALORES – Hoxe, propóñovos facer unha nota de saúdo ou un debuxo para todos os vosos compañeiros e compañeiras da aula, con motivo da suspensión de clases. Que un adulto ma envíe ao correo electrónico (martinatrillo@edu.xunta.es). Publicareinas na web para que todos poidades ver os saúdos de todos.

 Lembrade descansar un pouquiño cada hora de traballo, e un rato máis longo ao facer dúas horas. 

Por hoxe abondou de traballo, meus pitufos. Unha aperta! Bótovos de menos!