Durante estes días, para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o alumnado do noso centro traballou nas clases temas de igualdade entre homes e mulleres. Ademais, desde Nadal, estamos a desenvolver un proxecto de estudo do noso barrio chamado "A nosa contorna".
Unindo ambos proxectos, visitounos a atleta ourensá Marta Míguez, campioa de España de lanzamento de xabalina e primeira española nesta especialidade atlética que participou nos Xogos Olímpicos da XXVII Olimpíada celebrada en Sidney (Australia) no ano 2000.
Todo o alumnado do colexio participou nunha conferencia adaptada ao seu nivel na que Marta contou os seus inicios no mundo do deporte, a importancia do deporte para coidar ben o noso corpo e a nosa mente, a súa experiencia no deporte de alta competición, as diferenzas e semellanzas na súa especialidade atlética entre os homes e as mulleres, contou anécdotas das competicións internacionais nas que participou... Mostrou a súa xabalina; as botas con tacos adiante e atrás, tan importantes para transmitir á lanza toda a potencia do lanzamento; as diferentes prendas deportivas que empregou nos mitins internacionais...
O alumnado seguiu as charlas con moito interese e, ao final, Marta aclarou todas súas dúbidas e curiosidades.
Queremos agradecer a Marta Míguez a súa disposición e colaboración co centro. Foi unha extraordinaria experiencia!