DA FANTASÍA Á REALIDADE

A mostra «Da fantasía á realidade. Pintura en Galicia de 1833 a 1936» reúne 39 obras   e permanecerá aberta ata o sábado 3 de maio. O horario para as visitas é de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 h.

Esta exposición ensina un rico período artístico en Galicia valéndose de nomes importantes da nosa plástica do século XIX e comezos do XX, como Ovidio Murguía (fillo de Rosalía de Castro), Llorens ou o ferroláns Jenaro Pérez Villaamil e Álvarez de Sotomayor . A través das súas obras, podemos observar o paso da estética romántica ao movemento realista. Para a súa exposición, as obras están articuladas en tres núcleos temáticos, «A terra», «A xente» e «A vida».

O ciclo de educación infantil visitou esta exposición o venres e asistiu a un taller onde coloreamos un debuxo atendendo ás cores empregadas: frías ou quentes. Os cadros que observamos foron paisaxes, bodegóns e retratos que María, no primeiro grupo, e Rocío, no segundo, escolleron para explicarmos parte da maxia dos cadros destes pintores galegos.

Animámosvos a que vaiades vela, son cadros de pintores, as veces descoñecidos para o gran público, que debuxan unha realidade moi próxima á nosa cultura. Se picades nos nomes atoparedes a súa biografía e se queredes coñecer a súa obra... tedes ata o 3 de maio.