TERCEIRO TRIMESTRE SEN COLE

Ola familias! Como vedes o tempo sen escola alóngase e temos que seguir o curso... Para o terceiro trimestre queda o máis sinxelo nas matemáticas e nas ciencias e o máis complicado nas linguas. Quero que teñades unha idea do que se traballará no terceiro trimestre, de acordo cos estándares da miña programación.

Na aula virtual hai recursos novos para afrontar esta parte nova:

No apartado de Ciencias inclúo unha ligazón no Tema 12 para traballar ciencias naturais: as forzas. Este apartado é fundamentalmente experimental. Quero que os vosos nenos e nenas vexan por eles mesmos o efecto da forza nos obxectos. A actividade parece longa e así é porque se vai desenvolver en varios días, así haberá tempo para reflexionar sobre o que sucede cada día.

No apartado de Ciencias, no tema 13 hai novidades de ciencias sociais: o paso do tempo. Para empezar a tomar contacto incluín unha canción e uns vídeos sobre o pasado, o presente e o futuro. Tamén pautarei os visionados para repartir o traballo en varios días.

As Matemáticas requiren moita práctica, como ata agora, de sumas, restas con e sen levada, multiplicacións e resolución de problemas. O novo deste trimestre son os polígonos, as formas xeométricas, as simetría. Cada día faremos un pouco.

Por último as Linguas: neste trimestre xa se avalía a expresión escrita. Para poder progresar, mellorar e darse conta cada un dos éxitos e as limitacións persoais, é fundamental traballar tódolos día a escritura. A escritura pode ser copiada ou espontánea. Para traballar a escritura copiada non hai máis que abrir un libro de cancións, poesías, chistes, rimas, adiviñas e copialas correctamente prestando atención á letra, á limpeza, ás omisións, ás estrofas...

Para traballar a escritura espontánea vou propoñer escribir cada día un pouco da vida diaria destes momentos de cuarentena: rutinas, pensamentos, desexos, gustos, disgustos, xogos, listas de palabras para practicar ortografía...

A parte de linguas vai requerir, como as demais, un pouco de atención pola vosa parte para vixiar a correción das producións escritas e así ir mellorando cada día ortografía e caligrafía ao mesmo tempo.

Recuperei o apartado das fichas na aula virtual.. Non esquenzades que as fichas son un recurso máis, non infalible nin máis válido que outros. Non é necesario imprimir nada. A intención das clases a distancia nunca é provocar un gasto nin provocar máis molestias das que xa tedes con esta situación.

Un saúdo. Elisa