ACTIVIDADES PARA A TERCEIRA SEMANA

Bo día familias, 

nesta semana propóñovos unha serie de actividades máis concretas que gardan relación coas cousiñas que estabamos a traballar na aula. 

Como xa vos comentei en mensaxes anteriores estas actividades son voluntarias e non avaliables, teñen como finalidade botarvos unha man para continuar coas rutinas cos vosos pequenos e pequenas pero por suposto cada un ten unhas circunstancias diferentes así que non vos sintades presionados.

Nos documentos adxuntos aparecen 3 propostas diferentes:

1. Armstrong: 

Nas ultimas semanas estivemos vendo vídeos da misión do Apolo 11 e falando sobre os astronautas. A idea desta ficha e traballar tanto a lectoescritura como o manexo das tesoiras e a lóxico-matemática. A idea é que escriban la liña da ficha a palabra "LÚA" do xeito que eles saiban facer de forma autónoma (se ben é certo que despois podedes escribilo todos xuntos e xogar a cantas letras acertaron). Despois aparece un quebracabezas de Armstrong para que recorten e peguen no recuadro.

Deíxovos un par de enlaces de recreacións da misión do Apolo 11 aínda que na web hai unha morea de videos :)

https://www.youtube.com/watch?v=plQAC-HDSzo  

https://www.youtube.com/watch?v=saGpKm0UrNA  

2. Calendario

 Moitas familias estádesme a comentar que seguides a traballar o calendario todos os días como facíamos no cole. Por iso vos envío unha plantilla dun calendario en branco que podedes comezar no mes de abril e que así os pequenos e pequenas vaian practicando a escritura dos números. É moi importante que non os forcedes e os felicitedes pola súa escritura aínda que non sexa a súa forma convencional. 

Ademais, adxunto dúas follas máis. A primeira é para rexistrar o tempo que vai cada día. Unicamente precisan poñer unha cruz na casilla correspondente.

Pola súa parte, a segunda e para facer o derradeiro día do mes, contando cantos días fixo sol, cantos choveu, cantos estivo nublado e cantos fixo sol e nubes.

3. Delicias de garabatos

A última das propostas é de arte. É unha idea recollida no libro "La cocina de colores" de Hervé Tullet.  Podedes facelo toda a familia e comparar os resultados diferentes que saen partindo das mesmas premisas.

 

Xa por último comentarvos que neste mes estivo de aniversario o noso compañeiro Miguel e dado que non podemos facerlle a festa no cole propóñovos que cada neno e nena lle faga un debuxo nun folio en horizontal e así despois xuntamos todos nunha presentación e enviámoslla como felicitación de aniversario. Parécevos?

Moitos bicos familias! E, por suposto, se queredes enviar fotos das cousiñas que ides facendo estarei encantada de recibilas

AdxuntoTamaño
Armstrong.pdf279.23 KB
Calendario.pdf102.82 KB
Delicias de garabatos de Hervé Tullet- La cocina de dibujos.pdf221.25 KB