SEGUNDA SEMANA SEN COLE

Bos días familias:

 

Novamente, esta semana propóñovos unha serie de actividades para traballar temas que xa vimos nas aulas, sen deixar de ter en conta o proposto a semana anterior e tendo sempre a intención de facilitarvos este tempo de interrupción escolar.

 

Estes, son tempos difíciles, con nervios e preocupacións, que non deberían sufrir os nosos pequenos e pequenas. Sabemos que todos e todas sodes moi fortes, e isto o imos superar moi pronto.

Xa sabedes que calquera cousa que nós poidamos facer ou axudar, nos atoparedes ao outro lado do mail. Cada semana teredes novas, e dende o ciclo de Infantil e o Primeiro Ciclo de Primaria do cole estamos cociñando estratexias de comunicación e actividades moi chulas, das que pronto teredes información…

Así que estas son para esta semana as miñas propostas:

 

·         Con motivo da conmemoración do 8 de marzo adicada ás mulleres traballadoras, os nenos e nenas de  4º de Educación Infantil, fixeron unha ruta polo cole buscando mulleres, despois dunha asemblea onde todos e todas coñecían a algunha e deixándonos unha mostra das mulleres que atoparon no cole, e que os compis maiores ían axudando dicíndolles que eran traballadoras.

 

image.png

 

 

image.png
 

Deste xeito e aproveitando esta idea, na casa podedes falar das distintas profesións, hoxe non paran de saír novas sobre o persoal sanitario, os corpos de seguridade, persoal que traballa en sectores da alimentación, farmacia, transportes… e a importancia de todos os traballos nun momento coma este.

Pero ademais, achégovos unha proposta para investigar algunha profesión xa esquecida e que os vosos nenos e nenas xa nunca verán,  ou ven algún oficio que cambiara moito dende as súas orixes.

·         Deixádelles participar nas tarefas da casa e tal e como comentamos a semana pasada, cada un coas súas circunstancias podedes implicar aos nenos e nenas en actividades habituais: poñer a mesa, facer a cama, elaborar un biscoito… Así e falando das tarefas da cociña, non queremos esquecernos de traballar as receitas, nas que mesturamos lectura e matemáticas. De xeito que  propóñovos nun documento adxunto, unha idea moi orixinal que Hervé Tullet danos no seu libro “La cocina de colores”. Sería interesante facelo varias persoas da casa ao mesmo tempo e así poder comparar resultados. Animádevos!

 

·         E seguindo coa cociña, esta semana tocaranos organizar os alimentos, contestando a onde deben gardarse, neveira ou alacena? Así que xa sexa aproveitando as etiquetas para pegar na táboa que vos envío, escribindo o nome dos alimentos no lugar axeitado ou simplemente debatendo cos maiores da casa, debedes de investigar esta cuestión.

 

·         Xogade coas matemáticas valéndovos de cartas, dados, xogos de mesa e nesta ocasión tamén do “Cocoloco” e das actividades de repaso que vos comparto. Pero por suposto non vos preocupedes de non poder imprimilas, con facer algunhas sumas e restas cada día, resolver algún problema e practicar cos pesos e medidas(isto pesa máis que, isto mide menos que…)será suficiente.

 

·         Traballade o calendario a diario, marcade o día da semana, lede o día en número, lembrade o mes, falade da estación do ano e buscade algunha data sinalada para que conten os días que quedan para ela (aniversario, festa…).

·         Realizade manualidades con todo tipo de materiais para mellorar o manexo das ceras, tesoiras, pegamento, rotus,…Eu envíovos algunhas propostas coma a semana pasada e estarei encantada de recibir a foto daquelas que vos animastes a facer.

·         A reciclaxe segue sendo importante nestes días, a situación que estamos vivindo permítenos ser máis conscientes na casa en xerar menos residuos, para que isto non se converta na necesidade de saír da casa para baixar o lixo… así que seguide traballando os residuos que van en cada cubo do lixo , e se tedes dúbidas, estou segura de que na casa tedes uns bos expertos e expertas a quen preguntar, especialmente despois de ser os responsables durante algunhas semanas da súa recollida nas diferentes aulas de Primaria. Así que envíovos as nosa mascotas de reciclaxe por si queren colorearas, recortalas e organizar a reciclaxe durante estes días na casa.

 

·         Non vos esquezades de ler e de xogar coas lecturas, inventade un título novo, un final, cambiadelle o sexo ao protagonista do conto a ver se cambia o conto… Así que coma cada semana envíovos a lectura correspondente e algunha proposta para traballar a comprensión.

 

Lembrade que non se trata de facer por facer, cada un ten o seu propio ritmo que resulta moi importante respectar e por suposto cada familia ten as súas circunstancias na casa. Todo isto son ideas, non é nada nin obrigatorio nin avaliable. Trátase de que isto vós sirva de axuda.

Grazas pola vosa colaboración e moito ánimo.

 

AdxuntoTamaño
COCOLOCO.pdf115.85 KB
Comprensión lectora semana del 23.pdf560.17 KB
Investigación sobre as profesións.pdf266.51 KB
Lectura semana del 23.pdf985.49 KB
Mascotas da reciclaxe.pdf249.96 KB
Onde gardamos os alimentos.pdf222.47 KB
Sopa de Zigzags de Hervé Tullet- La cocina de dibujos.pdf354.89 KB
Trabajo de matemáticas semana del 23.pdf715.36 KB
Suxerencias de manualidades.pdf292.33 KB