Skip to Content

blogue deadmin

O MAGOSTO

O venres día 8 de novembro festexamos o Magosto. Os maiores do centro foron os encargados de prepararnos un suculento menú que nos fixo lamber os dedos, sen esquecernos do manxar estrela do día "as castañas asadas".

CONCURSO DE DEBUXOS E RELATOS TERRORÍFICOS

Neste Samaín de medo, non podían faltar os relatos e debuxos terroríficos do noso alumnado. Para valorar a súa creatividade fíxose unha votación onde se escolleu o mellor relato do 2º e 3º ciclo de Educación Primaria e o mellor debuxo terrorífico de Educación Infantil e o 1º ciclo de Educación Primaria.

Aquí vos deixamos as obras gañadoras:

O gañador do debuxo terrorífico en Educación Infantil foi Adrián Anido Rodríguez.

O gañador do debuxo terrorífico do 1º ciclo de Educación Primaria foi Diego Rey Calvo.

A gañadora do relato de medo do 2º ciclo de Educación Primaria foi Martina López Maroñas.

A gañadora do relato de medo do 3º ciclo de Educación Primaria foi Sharay Ferreiro Vila.

 

Noraboa ás gañadoras e aos gañadores!

CONCURSO DE CABAZAS

Moitas grazas a todas as familias e alumnado do centro por participar con tanta creatividade e ilusión no concurso de cabazas. Detrás delas houbo moito traballo e o resultado á vista quedou. 

As cabazas gañadoras foron seleccionadas a través dunha votación na que participaron todos os nenos e nenas do centro. Aínda que todas merecían un premio, soamente se puideron escoller catro, unha por cada ciclo.

A cabaza gañadora de Educación Infantil foi a de Adrián Capelo Torreira.

 A cabaza gañadora do 1º ciclo de Educación Primaria foi a de Nayra García Lago.

 A cabaza gañadora do 2º ciclo de Educación Primaria foi a de Sara Guillín Suárez.

 A cabaza gañadora do 3º ciclo de Educación Primaria foi a de Yanira González Álvarez.

Noraboa a todos e todas polas estupendas creacións!

UN SAMAÍN DE MEDO!

O mércores 30 de outubro celebramos o Samaín no noso centro. Foi un día moi especial no que realizamos varios obradoiros de medo que deixaron relocer a creatividade, a ilusión e a fantasía do noso alumnado.

- No obradoiro de manualidades crearon pulseiras de cabazas e broches de morcegos.

- No obradoiro de cociña elaboraron uns postres terroríficos para o menú de comedor.

- No obradoiro de maquillaxe crearon estupendas tatuaxes e debuxos de medo.

- No obradoiro de baile moveron o esqueleto ao ritmo de música feiticeira.

- No obradoiro de xogos desfrutaron dun espazo cheo de elementos sorprendentes que lles permitiu experiementar, xogar e divertirse.

 Aquí tedes un pequeno exemplo deste día tan terrorífico, para ver máis imaxes clicade na pestana de GALERÍA e buscade a carpeta do curso 2024-2025.

 

 

 

MENÚ DO COMEDOR NOVEMBRO 2024

Podedes clicar no arquivo adxunto e descargar o menú deste mes.

BENVIDOS AO CURSO ESCOLAR 2024-25

Esta curso escolar queda organizado tal e como aparece sinalado no calendario e segundo o establecido na Orde do 12 de abril do 2024. A maiores dos días NON lectivos destacados, contaremos con outros 2 días escollidos polos centros escolares do Concello de Santa Comba. Eses dous días serán o 10 de febreiro e o 2 de maio.

ADMISIÓN ALUMNADO

Todo o alumnado que presentou solicitude de admisión para 4º de Educación Infantil, para o vindeiro curso 2024/2025, foi admitido. 

ADMISIÓN PARA O CURSO 2024/2025

O vindeiro 1 de marzo ábrese o prazo de admisión de novo alumnado para o curso 2024/25.

Prazo de admisión: do 1 ao 20 de marzo.

Modelo de solicitude:

Solicitude segundo o Anexo II, (procedemento ED550B), aprobado pola Orde de 21 de outubro de 2022, poderá cumprimentarse dos seguintes xeitos:

 Documentación a entregar coa solicitude:

  • Fotocopia do libro de familia ou fotocopia do DNI do neno/a.

  • Convenio regulador ou resolución xudicial de separación ou divorcio, se é o caso. 

Lugar de presentación:

No centro educativo, dende as 9:30 ata as 14:30 horas.

Normativa que regula o proceso: 

  • DECRETO 13/2022, do 3 de febreiro,polo que se regula a admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos. 

  • ORDE do 21 de outubro de 2022 pola que se desenvolve o procedemento para admisión de alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos. 

Principais puntos a ter en conta

  • Cada solicitante presentará unha única solicitude no colexio que solicita en 1º lugar.

  • En cada solicitude pódense pór ata 6 colexios por orde de preferencia.

  • No caso de presentar máis dunha solicitude en distintos centros o solicitante perderá o dereito de prioridade.

  • O alumnado que ten presentada solicitude de reserva nun centro se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva no primeiro centro. (Só para alumnado xa escolarizado nun centro)

  • O alumnado que ten garantía de permanencia nun centro, se presenta solicitude de admisión noutro centro, deberá comunicalo ao mesmo tempo no centro de orixe. (Só para alumnado xa escolarizado nun centro).

  • As solicitudes fóra de prazo mandaranse á comisión de escolarización.

  • Se o alumno/a non obtivese praza no centro solicitado en 1º lugar, remitirase a solicitude á comisión de escolarización.

PRESENTACIÓN DA DOCUMENTACIÓN XUSTIFICATIVA DOS CRITERIOS BAREMADOS

Só será precisa, e será requirida, no caso de que o número de solicitudes sexa maior que o de prazas vacantes.

  • Fotocopia completa do libro de familia.

  • Certificado de empadroamento municipal no que figuren todos os membros da unidade familiar que conviven no domicilio.

  • Fotocopia da última declaración da renda dos pais. Necesaria só se non autorizan a comprobación de datos.

  • Fotocopia do carné de familia numerosa de ser o caso.

  • Fotocopia dos DNI dos pais ou titores legais. Necesaria só se non autorizan a comprobación de datos.

  • Certificado de minusvalía de ser o caso. Necesaria só se non autorizan a comprobación de datos.

  • Anexo II cuberto e coa puntuación cuberta.

CALENDARIO DO PROCESO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO

Reserva de praza no centro de orixe: 15 xaneiro - 5 de febreiro.

Data do sorteo público a efectos de desempate: última semana de febreiro e, en todo caso, antes do 1 de marzo.

Publicación de postos escolares vacantes: antes do 1 de marzo.

Presentación da solicitude de admisión: 1-20 de marzo.

Presentación documentación xustificativa dos criterios alegados (cando o número de solicitudes sexa maior ao das prazas ofertadas): 10 días hábiles contados a partir dos 2 días seguintes ao remate do prazo para presentar as solicitudes de admisión.

Listaxe provisional de admitidos e non-admitidos: Antes do 25 de abril

Listaxe definitiva de admitidos e non-admitidos: Antes do 15 de maio

Formalización da matrícula: do 20-30 de xuño (anexo III)

 

INICIO DO PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN PARA O CURSO 2024/2025

Publícase no Portal Educativo da Xunta de Galicia o inicio do procedemento de admisión de alumnado en centros públicos para o vindeiro curso 2024-25, co inicio da fase de reserva de prazas en centros de adscrición.

No caso do noso centro, diríxese ao alumnado que actualmente cursa 6º de Primaria e desexe reservar praza para cursar 1º ESO no IES Terra de Xallas, que é o noso centro de adscrición.

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/42051

 

O 15 de xaneiro de 2024 inícianse os trámites do procedemento (código ED550A), coa reserva de praza nun centro de adscrición para alumnado que cambia de etapa.

O prazo de presentación de solicitudes abranguerá do 15 de xaneiro ao 5 de febreiro do 2024, ambos incluídos.

Tanto a presentación das solicitudes como a consulta das listaxes de admitidos, que se publicarán o día 22 de febreiro, deberán realizarse no centro no que está matriculado o alumnado no presente curso ou a través da aplicación admisionalumnado (https://www.edu.xunta.gal/admisionalumnado/)

 

Distribuir contido


by Dr. Radut