No centro estamos a estudar e indagar sobre “Os bosques”. Nestes espazos naturais habitan moitas plantas e animais, algúns deles en perigo de extinción.
Calcúlase que existen uns 30 millóns de especies animais e vexetais distintas no mundo. De todas elas, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN) cifra en 1.000 as que se atopan en perigo de extinción e en 17.000 as ameazadas. Para o 2020 a diversidade de especies pódese reducir nun 33%.
Animais e plantas están ameazados pola alteración dos espazos naturais, que se empregan para construír vivendas, estradas, etc. A caza deportiva ou comercial e o tráfico ilegal de especies son causas que tamén fan perigar á fauna e á flora.
Segundo o Fondo Mundial para a Conservación da Natureza (WWF), en España desenvólvese máis do 30% do comercio ilegal de animais e plantas protexidos no mundo e segundo datos do Consello Xeral de Colexios Veterinarios de España, calcúlase que nos fogares españois existen preto de 60.000 réptiles e máis de 100.000 aves exóticas.
O SEPRONA, Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil recolle que o 70% dos animais cos que se trafica morre durante a viaxe. Preto de 1.700 axentes deste servizo tratan de frear este delito facendo cumprir a Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de Fauna e Flora Silvestres (CITES). Este convenio, asinado en Washington, entrou en vigor en xullo de 1975 e subscribírono máis de 145 países. En xaneiro de 1986 o convenio asinouse en España. A partir de entón, para posuír un exemplar dunha especie ameazada é necesario ter un certificado que acredite que provén de cría en catividade. Pero, segundo WWF, falsificar ese papel non é moi complicado.
Dende o equipo de Dinamización Tic quixemos que o alumnado se involucrara apadriñando un destes animais ou plantas elaborando un cartel cun lema a favor da súa protección e sinalando cantas especies aínda podemos atopar como pequenos datos que consideraron interesantes. Aquí vos deixamos o gran traballo que realizaron!!!