Un ano máis tivemos a sorte de contar coa visita dos usuarios/as do Centro de Día de Mondego/Sada; aquí foron recibidos polo alumnado de 4º de Primaria e coma sempre pola orientadora do noso cole. Esta vez tamén contamos coa colaboración da profe de relixión, Lita que axudou para que as alumnas e alumnos de 4º lles cantasen aos nosos visitantes as cancións "A PORTA VIOLETA", "AMIGOS DO CORAZÓN", "A VOZ DAS AMIGAS".
A súa vez os usuarios/as do Centro de Día corresponderon interpretando a canción "ADIOS A ESPAÑA" e tamén nos entregaron un mural relacionado co proxecto da nosa biblioteca "Mundego", onde se amosa como viaxaban eles antes: medios de transporte, países onde emigraban......
O alumnado de 4º pola súa banda fíxolles entrega dun libro elaborado polos nenos e nenas e conversaron sobre o que eles entendían que é un Centro de Día.
En agradecemento pola colaboración que manteñen co noso colexio fixémoslle un agasallo, neste caso unha planta para que a cuiden no seu Centro.