O pasado venres, 29 de xaneiro, a iso das 10:15h saímos do cole: sete nenos, unha nena, un profesor e unha profesora cara o Campamento do Loreto en Porto do Son, lugar no que se celebraría a xornada da Fase Intercomarcal de campo a través. Aínda que íamos moi ilusionados e con moitas ganas de acadar novas vitorias, tamén había moitos nervos... Ademais, a nena representante da categoría benxamín feminina (a nivel individual) e o neno representante da categoría alevín masculina (a nivel individual) sentíanse un pouco sós e botaban de menos aos compañeiros/as dos respectivos equipos.
Unha vez no recinto, e tras recoller e colocar os dorsais, fomos facer un recoñecemento do circuíto. De seguida, fixeron exercicios de quecemento, pois ao seren dos máis noviños/as eran dos/as primeiros/as en competir.
Pouco despois das 11:30h, a competición comenzou coa categoría benxamín feminina e Noa, tras realizar unha boa carreira, acadaría un séptimo posto, asegurándose unha praza para a Fase Provincial (a máis alta á que aspirar nesta categoría).
A continuación, sairían os nosos seis corredores da categoría benxamín masculina e outros moitos de centros educativos e clubs de atletismo e, a pesares de non entraren entre os dez primeiros como viñan facendo, si acadarían unha vez máis o primeiro posto por equipos.
Pouco despois, tocaríalle a Hugo dalo todo na categoría alevín masculina e, de feito, sería o primeiro en non subir ao podium a nivel individual ao acadar un loitadísimo cuarto posto, que tamén o levará a Fase Provincial coma aos restantes compañeiros/as do centro, presentes nesta fase de competición.
Unha vez máis, familiares e amizades do noso alumnado acompañáronnos, botáronnos unha man e transmitíronnos o seu gran e desinteresado apoio... Moitas grazas!!!
Agora toca pelexar, algo máis lonxe..., en Narón, o vindeiro sábado 27 de febreiro.
MOITÍÍÍÍÍSIMA SOOOOOOOOORTE!!!