TELÉFONO 881 93 81 01

ODS 2: Fame cero

O 16 de outubro conmemórase o Día Mundial da alimentación, polo que, o segundo ODS que traballaremos será o número 2: Fame 0.

 

A fame extrema e a mal nutrición seguen sendo un enorme obstáculo para o desenvolvemento sostible. Fai que as persoas sexan máis propensas a sufrir enfermidades.

Hai case 800 millóns de persoas que padecen fame en todo o mundo, a gran maioría nos países en desenvolvemento.

As malas prácticas de recolección e o desperdicio de alimentos contribúen á escaseza de alimentos.

 

Un mundo con fame cero pode influír positivamente na nosa economía, así como na saúde, a educación, a igualdade e o desenvolvemento social xeral.

Todos e todas podemos contribuír a alcanzar este obxectivo: apoiando aos agricultores e o mercado local, elixindo alimentos sostibles, defendendo unha boa alimentación e reducindo o desperdicio de alimentos.

Día Mundial Dos Animais

O pasado 4 de outubro, con motivo do Día Mundial dos Animais, tivemos a sorte de recibir a visita de Inma, unha veterinaria que traballa no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo.

Inma compartiu con todos os nenos e nenas de infantil e primaria importantes consellos sobre o coidado dos animais. Durante a súa charla, explicou de maneira clara e amena como debemos coidar aos nosos amigos peludos e, sobre todo, o que non debemos facer para garantir o seu benestar.

Ao final da visita, os alumnos recibiron varios agasallos como recordo da súa participación, grazas á veterinaria. Como mostra de agradecemento, o colexio fíxolle entrega dunha doazón de 40 € para a asociación de animais que ela elixira, decidindo destinar a doazón á Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo.

Foi unha xornada moi especial que nos axudou a concienciarnos sobre a importancia de coidar e protexer aos animais.

 

  

    

  

 

 

Os ODS

Roque xa nos anunciou o proxecto documental integrado deste curso 2024/2025 que serán os ODS.

Pero...Que son os ODS?

Son obxectivos creados para protexer o planeta, loitar contra a pobreza e tratar de erradicala co obxectivo de construír un mundo máis próspero, xusto e sostible para as xeracións futuras.

Ao longo do curso iremos coñecendo os 17 Obxectivos de Desenvolvemento sostible e traballando sobre eles.

 

 

O primeiro ODS sobre o que traballamos foi o número 1: FIN DA POBREZA.

 

 

O ODS 1 ten como obxectivo erradicar a pobreza extrema. Estas inclúen as necesidades humanas máis básicas, como a falta de alimentos, dereitos, auga potable e saneamento.

Colaboramos coa campaña de recollida de roupa e calzado de Global Humanitaria na India concienciando o noso alumnado da importancia da solidariedade.

 

  

 

Misterio na biblioteca

Esta semana, Roque enviou a todas as aulas unha carta. Precisaba da axuda de todos os nenos e nenas para recuperar uns libros roubados.

Todos os alumnos e alumnas, superaron diferentes retos para recuperar todos os libros. Así, volveu a normalidade a nosa biblioteca.

  

  

Como premio, a nosa mascota entregounos uns carnés que aínda non sabemos moi ben para que serven, pero xa nos dixo que recibiriamos máis información nos próximos días.

 

 

Tamén nos contou que este curso imos traballar sobre algo que Roque non coñecía moito... os ODS.

Todo o alumnado está a investigar que é iso dos ODS, mentres esperamos a seguinte carta de Roque con máis información.

TODO UN MISTERIO ESTE CURSO.

Proxectos de Vida Activa e Deportiva

Un curso máis participamos no PVAD,  proxecto relacionado cos hábitos de vida activa e saudable, buscando o incremento diario de actividade física que realiza o alumnado. 

Proxecta

Este curso 2024/2025 participaremos en dúas modalidades:

Máis e Mellor Actividade Física (MMAF), na que traballaremos de forma compartida con outras materias impartindo contidos curriculares comúns ou propios a través da actividade física.

Móvete+, buscando fomentar a actividade física a través de actividades con música e movemento.

Saída para ver a malla tradicional

O pasado venres, 20 de setembro, o noso alumnado realizou unha saída camiñando para asistir á V edición da tradicional Malla no Seixidal, invitados polo concello de As Somozas. A celebración, que comezou ás 11:00 horas, contou coa participación dos veciños e veciñas que mostraron aos nosos nenos e nenas como se realizaba a malla tradicional empregando máquinas antigas, co obxectivo de bater os cereais e separar o gran do millo. Esta tarefa era fundamental para a posterior elaboración da fariña, un dos alimentos básicos das nosas comunidades rurais.

Ademais de ser unha actividade culturalmente enriquecedora, a camiñada supuxo un percorrido saudable de aproximadamente 5 quilómetros. Esta xornada non só permitiu ao noso alumnado coñecer as nosas tradicións, senón tamén fomentar o exercicio físico e os hábitos de vida saudables, demostrando a importancia de combinar o coidado da saúde co respecto polo noso patrimonio.

Foi unha experiencia marabillosa que uniu deporte, cultura e tradición, permitindo que o noso alumnado aprenda e desfrute ao mesmo tempo.

 

 

 

 

LISTADO MATERIAL CURSO 2024-2025

Ola familias, aquí vos deixamos os listados de material.

                                                                          

                                             

BENVIDOS AO CURSO 2024-2025

Ola a todos e todas! Estamos de volta e, como sempre, con moita ilusión de vervos e de retomar xuntos as nosas rutinas. Seguro que medrastes moito durante este tempo!

 

Nos próximos días iremos subindo novas á páxina web, como o listado de material Sorriso Permanecede atentos para non perder nada!

 

COMEDOR CURSO 2024-2025

Bo día familias, aquí vos deixamos a Instrución 1/2024 sobre funcionamento dos comedores escolares de xestión directa no curso escolar 2024-2025

Para cubrir o modelo de autodeclaración como nos cursos anteriores picade no enlace que está deseguido e atoparedes o arquivo en pdf:

Modelo de autodeclaración  (os que tedes máis dun neno escolarizado no colexio so se precisa cubrir 1 papeliño). RECORDADE ASINALO NA ÚLTIMA FOLLA.

Unha vez que o teñades cuberto podedes entregalo mediante correo electrónico ceip.omarban@edu.xunta.gal ou ben no colexio, antes do 1 de setembro.

Calquera dúbida podedes poñervos en contacto co número de teléfono do colexio ou ben ao correo ceip.omarban@edu.xunta.gal. 

Aproveitamos para desexarvos un BO VERÁN e que desfrutedes moito en familia.

Saúdos

Móvete+

A continuación podedes ver as coreografías traballada polo alumnado do noso centro para o programa Móvete+ incluído dentro do Proxecto de Vida Activa e Deportiva (PVAD). 

   

Distribuir contido