Celso Emilio Ferreiro naceu en Celanova no ano 1912. Alí estudou cos Padres Escolapios, dos que recibiu unha formación cultural moi pouco común na época. Estivo relacionado desde moi novo co movemento nacionalista e a comezos dos anos 30 afiliouse ás Mocidades Galeguistas para iniciar unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.
Cando estalou a guerra Celso Emilio foi obrigado a se incorporar ao exército franquista. Estivo condenado a morte e, nas catro noites que pasou na cadea até a familia conseguir o indulto, escribiu o poema "Longa noite de pedra", núcleo central do libro do mesmo título.
Finalizado o conflito, cursou Maxisterio e Dereito en Compostela. Só concluíu a primeira das carreiras, mais nunca chegou a exercer como mestre. Casou con Moraima e a parella instalouse en Pontevedra. Nesta cidade fundou en 1948 a colección Benito Soto.