Proposta semanal actividades Educación Infantil

PROPOSTA SEMANAL EDUCACIÓN INFANTIL

Ola nenas e nenos!
Aquí estou de novo con outra proposta semanal de actividades. Nesta ocasión as tarefas diarias van xirar arredor dun refrán sobre o mes de maio: “Pola santa cruz de maio, o corvo e o lobo nado, e o raposo medio empolado”. A traballar!

LUNS (“O refrán”):lemos o refrán coa axuda das nosas familias, intentando adiviñar as palabras representadas polos pictogramas. Podedes imprimir o refrán e escribir esas palabras encima das súas imaxes ou escribilas noutro folio; xogade a contar as letras das palabras e escribir o número, verbalizar cal é a palabra máis longa, a máis curta... (Déixovos o refrán para imprimir ou ler, noutro documento).


MARTES (“A letra inicial”): imos usar o nome dun dos animais salvaxes que aparecen no refrán: o LOBO; fixádevos na súa letra inicial (L), porque na tarefa de hoxe imos escoitar e ver con moita atención a canción desta letra     (https://www.youtube.com /watch?v=KD_33VJcXOo&t=28s ) Despois faredes a letra L, en grande, nun folio, e escribiredes ou buscaredes palabras que a conteñan en revistas, folletos... recortarédelas e pegarédelas.


MÉRCORES (“Series de animais salvaxes”): para hoxe precisades materiais que teñades pola casa ou incluso da natureza, coma: pinzas da roupa, tapóns de botellas, pedras... Tedes que buscar tres materiais diferentes, pois con eles imos practicar o xogo simbólico: cada un deses materiais converterase nun dos animais salvaxes do refrán (por exemplo: as pinzas serán o corvo, os tapóns o lobo e as pedras o raposo) e crearemos unha serie con eles; pode ser así corvo-lobo-raposo, ou sexa: pinza-tapón-pedra-pinza-tapón-pedra...

XOVES (“O bosque dos animais”): imos debuxar un bosque (que é onde viven os animais salvaxes do refrán), coloreándoo coa técnica coñecida como puntillismo. Necesitades témperas de cores e bastonciños dos que empregamos na limpeza dos oídos. Trátase de ir enchendo os elementos do debuxo con moitos puntiños. (Tamén podedes facelo usando os rotuladores).

VENRES (“Clase de ioga”): o profe de educación física (Diego), proponvos para hoxe unha práctica relaxada de ioga, que é unha disciplina milenaria onde ter un control do propio corpo resulta esencial. É moi importante estar en silencio e relaxados/as, collendo aire polo nariz e soltándoo pola boca.
1º: Visionades o vídeo e ídelo facendo, seguindo as instrucións da rapaciña.
VÍDEO IOGA
2º:Facédesvos unha foto na postura que máis vos gustou e enviádela ao correo do cole: ceip.nogais@edu.xunta.gal
Xa veredes que divertido é facer ioga! Ommmmm!


Estarei encantada de ver o resultado dos vosos traballos (mariagonzalezabelaira@edu.xunta.gal).
Un bico!
María

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer