Skip to main content

DOCES DE NADAL - COCIÑA ESPAZO ARGALLEIRO #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Nesta semana foron moitos os cursos que elaboraron doces de Nadal!

Aquí unha pequena mostra.

 

 

 

 

ESTRELA... FUGAZ? VAGALUMES & CARLOS LABRAÑA #teatronaBE #aBEtenapalabra #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Dous anos atrás envoltos nunha pandemia, un grupo de Vagalumes,

as súas familias e a mestra sacaban adiante unha obra de teatro.

Unha obra que se converteu nun radio teatro, pois non podían interactuar

máis que de xeito virtual. Roupas, voces, fotos, atrezzo... voaban a través das liñas telefónicas, internet...

A obra era "Estrela... fugaz?", naquel momento, obra inédita do dramaturgo

que da nome á nosa biblio "Carlos Labraña". Autor que escribe para divertir, pero sempre utilizando

o teatro coma unha ferramenta para achegar temáticas controvertidas.

Este ano, Carlos Labraña volveu sorprendernos e esa obra saíu á luz coma unha estrela.

Do mesmo modo, un bosque cheo de especies diversas volverá a escintilar e reunirnos,

desta volta si, para ver aos Vagalumes no seu radio teatro, con "Estrela... fugaz?".

Quedades todas e todos convidados! Ata encher aforo.

 

 

 

 

 

UN PROCESO COMPLETO, da sembra áo xabrón de lavanda #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #bescolaresgal #bescolaresgalabertas #poloscreativos

Voltemos atrás, fai 40 días o alumnado de sexto de primaria

recolleu a colleita de lavanda, a desgranou, a mesturou con aceite e

despois do tempo agardado  e de xeito diario movendo e batindo para acadar

unha boa mestura, prepararon o aceite de Lavanda.

O coaron e deixaron limpo e filtrado para facer o xabrón.

Un día despois, puxéronse mans a obra e comezaron por quentar pastillas de xabrón

de glicerina ao baño maría e engadiron unhas gotiñas de esencia do aceite de lavanda

(obtida da plantación na horta e recolectada ali mesmo).

Posteriormente, remexeron e coa axuda de pipetas foron enchendo uns moldes de silicona

con formas, para que cando arrefriasen a empaquetasen individualmente.

Cada un levará unha mostra para agasallar na casa a quen eles e elas dispoñan!

Un proceso completo que chega ao seu fin.

Destaca a capacidade de discorrer, tomar decisións (nun grupo tan numeroso de persoas),

ser pacientes e constantes: estiveron cuarenta días removendo día si e día tamén.

Mil parabéns a esta rapazada!

Recursos de Polos Creativos e da biblioteca.

 

 

 

 

O MELLOR AGASALLO PAZ E PAN! ANUNCIO NADAL! #Radionabiblio #bibliotecacreativa #bibliotecainclusiva #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Por un Nadal de Paz e Pan! A rapazada de 1º de Primaria escoita

o conto adaptado pola aula de 4ºB, baseado en O Principio de Paula Carballeira.

Así deciden realizar a terceira fase nunha lectura "Despois da lectura".

Un anuncio que pretende abrir os ollos sobre realides actuais.

Sobre as necesidades reais de países e xentes (incluso moi próximas a nós).

De que non todo o importante é algo material e que a paz pode conseguirse con un bico,

unha conversa, unha aperta, unha mirada ou un sorriso,

estas cousas alimentan e sanan os problemas do mundo.

Unha semente para todas e todos,

pero en especial para os que poden plantar o bosque.

Felices Festas!

Esta actividade non sería posible sen a colaboración do pai dun alumno ao piano:

Antonio Rodríguez Bustabad, a profe de Música: Antía Pita Martínez que realizou a

tradución da letra ao galego e a grabación radiofónica, as mestras de 1º de E.P

(Dulce, Carlota e María José) e o mellor que temos na escola: as nenas e os nenos!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

CLUB DE LECTURAS - TERTULIAS DIALÓXICAS #Clubsdelectura #LecturaeFamilias #FamiliasnaBE #bibliotecacreativa#bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Este ano voltaron as Lecturas dialóxicas, dentro dos Club de Lecturas "Chocolate

con libros", da man dos Vagalumes de 1ºC.

 

O clásico escollido é Carrapuchiña Vermella,

unha adaptación de Lesley Sims, da editorial Pequelibros Usborne.

 Primeiro escoitaron a lectura, posteriormente mantiveron varias lecturas individuais,

con máis ou menos apoio considerando o nivel lector deste alumnado de 6 anos.

A semana anterior á convocatoria das Lecturas dialóxicas coas familias o alumnado levou

o libro para compartir coa familia e  unha pequena nota, con data

e horario para participar, se así o desexaban e podían.

A Tertulia foi do máis animada e xudiron temas do conto

que lles chamaban a atención ou os inquedaban:

- Por qué Caperucita colleu outro camiño?

- É bo obeceder sempre?

- A avoiña ten un camisón, pero o lobo logo ten outro diferente, que pasou?

- De que se alimentan os lobos?

- E as persoas?

- Por qué lle brilan os ollos ao lobo?

- Como é que non esperta cando lle abren a barriga?

Nos grupos interactivos tamén lemos  outra versión:

"¿Qué me cuentas Caperucita" de José Carlos Andrés,

A comparación deu lugar a novas preguntas:

- Que Caperucita che gusta máis?

- Que diferencias atopamos nas dúas, de carácter e de vestimenta?

- Como actúan as personaxes da historia en cada un?

A intervención, estivo moderada pola mestra e unha alumna.

A rapazada ergue a man e as moderadoras apuntan nun papel a todos os

que desexan intervir. Porteriormente, pregúntase e trátase cada unha das preguntas

en particular, conversando entre todas e todos de cada aspecto. Estas aportación

enriquecen a conversa e dan novas perspectivas sobre o que cada un pensa sobre algo.

Durante un mes, outros obradoiros creativos xurdiron a raiz da lectura, creación de bosque

natural con escea, lobos con reciclaxe de diccionarios antigos, paisaxes coa técnica gouache,

algúns deles inspirados en fotos do instagram de josephinemo e Celine de parciparlaenmaternelle.

 

 

 

 

 

 

 

CLUBS 5º E 6º PRIMARIA - POR UN ALUMNADO EMPODERADO! #bibliotecacreativa #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Os clubs de alumnado de 5º e 6º de primaria teñen en marcha

diversas actividades que agora mesmo están a pleno rendemento.

No club de inventos están facendo duendes con calcetíns.

Os dous clubs de teatro andan a voltas cos ensaios das súas obras, escritas por elas e eles.

No club de reciclaxe hai cartón por doquier,

están facendo a árbore de Nadal coas súas decoración.

No club de baile non paran de mover o esquelete.

O comezo foi algo confuso, pois os clubs solapábanse en horarios e membros.

Pero tras a conversa e a reflexión chegou a calma e agora as datas son as seguintes.

Luns: Club de inventos

Martes: Club de reciclaxe

Mércores: Club de baile

Xoves e venres: Clubs de teatro (un grupo cada día).

 

 

 

NEVE - CLUB DE CIENCIAS #bibliotecacreativa #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O club de ciencias proponnos outra actividade dentro da Biblioteca Creativa.

Un experimento para facer neve artificial.

Un obradoiro que alumnado e tamén profesorado gozou en grande!

Apuntade! Moito bicarbonato, auga e unha manchea

de imaxinación! Crea a túa paisaxe de Nadal!

 

 

 

 

 

POR UN ANO CHEO DE SOÑOS POR CUMPLIR! #bibliotecacreativa #Radionabiblio #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

O CEIP Nicolás do Río queremos felicitar as festas coas nosas mellores

mensaxeiras e mensaxeiros: as nenas e os nenos.

Por un ano cheo de soños por cumprir!

Montaxe realizada dende a  área de Música por todo o alumnado.

 

 

 

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL #LecturasRecomendadas #recomendaciónslectoras #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

 

Xa chegan as vacacións e ler é unha actividade de ocio ben divertida.

Quen quere viaxar coa imaxinación?

Aquí as recomendacións lectoras da BE Carlos Labraña.

Ilustración de Diego Cheda.

GRUPOS INTERACTIVOS NA BIBLIOTECA - COMUNIDADES DE APRENDIZAXE #FamiliasnabE #bescolaresgal #bescolaresgalabertas

Desta volta os interactivos dos Vagalumes xiraron ao redor de "Carrapuchiña Vermella".

Coa axuda das familias fixeron pizzas de Carrapuchiña e o lobo,

leron outra versión do conto "¿Qué me cuentas Caperucita" de José Carlos Andrés,

escribiron palabras arredor do conto cun xogo de letras

e fixeron un obradoiro cos protagonistas.