Mércores 15 de marzo de 2017
Os nenos e nenas de 1.º e 2.º de Primaria, acompañados das titoras, fomos ver unha obra de teatro a Pontevedra.
No camiño de ida, fixemos unha parada nos arredores do Pazo de Cultura de Pontevedra para merendar, e así logo, proseguir o noso camiño ata o auditorio de AFundación.
A obra que vimos leva por título "Paxaro amigo" e está baseada no libro-cd "A bruxa discordia. Cancións para a paz" de Carmen Gil e Gloria Mosquera (Editorial Galaxia, 2016).
A representación consistiu nun conto e doce cancións, nas que se falaba dos valores necesarios para construír a paz, como son: compartir, respectar as diferenzas, dar e recibir bicos e apertas... ademais de valorar outras formas de falar e de pensar.
Estivo interpretada por Mamá Cabra, un grupo de música infantil constituído no ano 2000. Tres músicos e dous actores desenvolveron a historia que comezou coa chegada dun ornitólogo que andaba en busca dun paxaro perdido, en extinción, pois prefería a compañía dos paxaros á da xente. Ao final, unha misteriosa personaxe faille ver, a través das cancións, que a xente si pode facer moitas cousas para aprender a vivir en paz, dado que esta se atopa dentro de cada un de nós.