O pasado mércores, día 15 de abril, en reunión da Conferencia Sectorial de Educación, o Ministerio de Educación e Formación Profesional achegou ás Comunidades Autónomas un documento base para a publicación dunha norma que regule as directrices para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso 2019-2020 e o inicio do curso 2020-2021.
Ata o momento de publicar o presente documento, o Ministerio de Educación non ten aínda publicada norma algunha, tal como se lle ten requirido desde a Comunidade Autónoma de Galicia, que permita aplicar, con seguridade xurídica, a toma de decisións no actual contexto, en relación con aspectos regulados en normativa básica, tales como os criterios de promoción e titulación do alumnado.
A situación sanitaria continúa obrigando ao mantemento do estado de alarma e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, consciente da necesidade de xerar seguridade na comunidade educativa, traballa para que o dereito á educación, baseado nos principios de equidade e igualdade de oportunidades, siga vixente.
A Consellería de Educación tentará, sempre que a situación sanitaria o permita, que o noso alumnado poida volver ás aulas antes de que o curso 2019-20 se dea por rematado. Uns días que lles dean a oportunidade de volver a atoparse cos seus compañeiros e os seus docentes e recoñecer o labor destes na súa aprendizaxe.
Namentres, cada un desde as nosas responsabilidades, con lealdade e de forma coordinada, seguiremos traballando para saír xuntos desta pandemia, sen deixar a ninguén atrás.