A Asemblea Xeral das Nacións Unidas, en 2015, proclamou o 11 de febreiro como o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia coa finalidade de lograr o acceso e a participación plena e equitativa das mulleres na ciencia.
No cole expuxemos o mural " As Nosas Científicas Preferidas", froito dun traballo de investigación bibliográfica previo realizado polo alumnado de 6º, alumnado que no mes de novembro xa investigara a biografía de importantes científicos para a elaboración do Rueiro Científico de Monforte; rueiro no que non aparece ningunha científica e que nos gustaría que cambiara.
María de los Angeles Alvariño, Margarita Salas, María Josefa Wonenburger Planells, Jane Goodall, Caroline Herschel e Maríe Curie, son as súas 6 Mulleres Científicas Preferidas.
Outra posible candidata para dar nome a unha rúa de Monforte podería ser Margarita Rodríguez, unha das tres boticarias máis antigas de Galicia (séculos XVI - XVII).