A pandemia causada pola COVID-19 supuxo o curso pasado 2020/21 e segue supoñendo o presente curso 2021/22 un gran reto, ante a necesidade de cumprir cos obxectivos educativos e de sociabilidade necesarios para o desenvolvemento equitativo do alumnado, e facelo aplicando as medidas de prevención e control da COVID-19 para dispoñer de centros educativos seguros.
Para este fin, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade realizará unha achega complementaria procedente do Fondo de Reserva de Garantía Educativa, para que os centros docentes públicos dependentes da consellería e os centros privados concertados afronten no curso 2021/22 a cobertura das novas necesidades sanitarias derivadas da COVID-19, entre outras, a adquisición de máscaras para o alumnado matriculado nos niveis de ensino obrigatorio e educación especial.
As máscaras distribuiranse entre o alumnado incluído no ámbito desta orde pertencente a familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao limiar de 6.000 €, que foi o limiar de referencia no curso 2021/22 para ter dereito á axuda para adquirir material escolar (Orde do 6 de maio de 2021 pola que se regula a participación no fondo solidario de libros de texto e se convocan axudas para adquirir libros de texto e material escolar destinadas ao alumnado matriculado en educación primaria, educación secundaria obrigatoria e educación especial (DOG núm. 93, do 20 de maio).
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211112/AnuncioG0598-081121-0001_gl.html