Skip to Content

letras galegas 2020

Ricardo Carvalho Calero (2020)


Imaxe orixinal de Carlos Rodríguez (Seminario Galán)Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol (A Coruña), o 30 de outubro de 1910. Era o fillo maior de M.ª Dolores e Gabriel Ricardo.

Os seus primeiros estudos foron nun colexio da rúa Magdalena e despois no Colexio Sagrado Corazón de Xesús, dirixido polo escritor Manuel Comellas. Fixo o bacharelato por libre e trasladouse a Compostela a estudar na súa universidade.

Foi un gran defensor do idioma galego e membro do Seminario de Estudos Galegos onde coñeceu a Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas...

Traballou en moitas revistas galegas: A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color...

En 1965 incorporouse ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago e, como profesor contratado, á universidade compostelá da que se converteu no seu primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega.

É autor de "Gramática elemental del gallego común" e de obras de teatro, poesía, novela e moitos estudos sobre a lingua e a literatura galega.

Defendeu a postura de que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa.

Faleceu en Compostela no ano 1990.

Polo seu labor en defensa do idioma e cultura galega a Real Academia Galegas dedícalle o Día das Letras.

(Recuperado de Seminario Galán)

(Imaxe orixinal de Carlos Rodríguez)

http://seminariogalan.org

Recursos educativos

Un pouco de historia

 

A celebración do Día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, ten a súa orixe no ano 1963, data na que os membros da Real Academia Galega pretendían conmemorar o centenario da publicación de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro, que está considerada como a obra que inicia Rexurdimento da cultura e literatura galega. 

Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo foron os membros da Academia que propuxeronhomenaxear a algún escritor ou escritora, que exaltara e promocionara a nosa lingua. Un requisito imprescindible, ata o de agora, é que a figura homenaxeada finara, polo menos, des anos antes.

Como non podía ser doutro xeito, a primeira escritora homenaxeada, no ano 1963, foi a mesma Rosalía de Castro seguíndolle en anos posteriores: Alfonso CastelaoEduardo PondalFrancisco AñónCurros EnríquezLópez CuevillasNoriega Varela...

Desde 1991, dezaoito anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia. Constitúe, ademais, a meirande conmemoración da nosa cultura e, arredor dela, desenvólvense numerosos actos organizados desde a Academia, a Xunta de Galicia, os concellos, os centros de ensino e outras entidades ou agrupacións civís que participan, en conxunto, no labor de coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da persoa homenaxeada.

A Real Academia Galega celebrou o pasado 2006 os seus cen primeiros anos de historia. 

Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, dende Habana, deron os primeiros pasos para a creación dun organismo que loitara pola lingua e a cultura galega e así, un 30 de setembro de 1906 celebrouse no salón de actos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña a constitución e primeira reunión da Real Academia Galega. 

A primeira sede foi no Pazo Municipal de A Coruña, pasando posteriormente a un edificio da Rúa Tabernas, propiedade dunha das académicas, a condesa de Pardo Bazán. 

O seu primeiro presidente foi o historiador Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro.

 

Para moitas e moitos de vós esta será a primeira das viaxes; para outras, os máis experimentados, unha continuación da aventura. Sexa como for, nesta nave collemos todos. Porque estades na Primavera das Letras, a base de lanzamento da celebración do Día das Letras Galegas da Real Academia Galega para os nenos e nenas que cursades infantil e primaria. Dende aquí espallamos o Día das Letras por todo o planeta, por toda a galaxia!

 

 


page | by Dr. Radut