Avións de papel Xavier Estévez (Autor/a) Marcos Viso (Ilustrador/a) INFANTIL E XUVENIL>MERLÍN>De 11 anos en diante Cando o reloxo da igrexa daba as seis e media, unha das fiestras do noveno andar abriuse e un avión de papel amarelo saíu voando, tecendo eses no ceo. O avión perdeu folgos e estrelouse nun terrado de flores. Sería posible coñecer a persoa que se dedicaba todas as tardes a lanzar un avión pola ventá?Grazas a ese avionciño coñecéronse Lucas e Sara, un mozo e unha moza de sexto, que compartían o amor pola lectura e aos que lles gustaba escribir, a el historias e a ela poemas. Mais o que lle puña cara de alegría a Sara eran o debuxo e a pintura, que se converterían nun fío máxico para a súa amizade. Como aquel primeiro graffiti de Hopper na alameda, o do neno co papaventos.Unha novela sobre a amizade relatada sobre o fondo da arte urbana, dos traballos pictóricos, sexan gra
Aí estamos todos. Tras a cor do silencio. Lucas, Sara, Hopper, Lara, Pelocho, Bocachán, Amelia… En definitiva, os seres humanos: nenos, nenas, mulleres, homes; todos. Detrás da máscara, mergullados na soidade, atrapados polo medo. Esperando, sen saber moi ben que, ou sen esperar xa nada, sucumbindo ao temor da derrota, a perda e o fracaso.
Xavier Estévez afirma que o seu libro Avións de papel trata da sensibilidade e da arte e, en concreto, da arte urbana: dos grafittis e os murais, dos debuxos e pinturas, que non pintadas, que podemos encontrar nas paredes exteriores das cidades. Eu non son quen para levarlle a contraria ao auténtico eséxeta da súa obra, o autor, mais coido que este fermoso libro é moito máis.
Eu penso que Avións de papel contén unha imprescindíbel reflexión sobre a beleza, que a obra recolle moi ben, tanto o debate sobre o concepto de “arte”, como a necesidade que temos da beleza nas nosas vidas, e as consecuencias da súa presenza ou ausencia no mundo que nos rodea. E o resultado que consegue Xavier co seu texto é ben ambicioso, abofé, porque fai que a beleza se mostre nas súas múltiples variantes: plástica, textual, relacional… e consegue que nos envolva durante toda a lectura.
Nese sentido, o libro está cheo de arte, entendida como unha orixinal creación de beleza. Hai arte literaria na creación das personaxes de Lucas, Sara, Lara, Hopper, Amelia, Noelia. Hai arte plástica nas ilustracións de Marcos Viso que, como un novo Hopper, orixinal e con estilo propio, foi quen de debuxar o que parece imposíbel: a cor do silencio. Hai poesía nos lazos que unen as personaxes e, en especial, no triángulo de amizade e empatía cuxos vértices son Lucas, Sara e Lara. Por iso, despois de ler a obra comprendemos mellor a dedicatoria a Antonio García Teijeiro e comprobamos que a súa presenza se estende moito máis alá da primeira páxina.
A historia que nos conta Xavier Estévez para falarnos da arte urbana e facernos reparar nela está chea tamén de intriga e emoción. Sitúanos, de forma maxistral, dentro dos zapatos de Lucas e Sara, no interior dos seus muros de silencio e soidade. Fai medrar en nós a ilusión de que un día nos pete no lombo un avión de papel, que nos transporte até o infinito. Ensínanos que, de estarmos atentas e confiar, podemos recoller estrelas fugaces que nos muden a vida e nos acompañen para sempre.
Ao rematar esta deliciosa lectura, por recomendación da miña filla Amalia –á que lle estou moi agradecida-, renovei a convicción de que ten razón o mestre Agustín Fernández Paz na súa teima de que na vida o único que queda é o amor, e de que, cando o encontramos, nos propulsa cara aos nosos soños.
Porén, o meu derradeiro pensamento ao pechar o libro foi para o xurado do Premio Merlín 2016, ao que me uniu un vínculo de solidariedade e empatía ao imaxinar a escena da difícil tarefa de escoller a obra gañadora. Por fortuna, a editorial Xerais vén de premiarnos coa publicación da finalista, Avións de papel, de Xavier Estévez, coa que podemos gozar dun tempo vizoso de beleza e felicidade.
Grazas Xavier por agasallarnos cunha bela lectura.
ffitis ou murais, que humanizan a cidade e a fan máis fermosa.