A celebración do Día das Letras Galegas, cada 17 de Maio, ten a súa orixe no ano 1963, data na que os membros da Real Academia Galega pretendían conmemorar o centenario da publicación de "Cantares Gallegos", de Rosalía de Castro, que está considerada como a obra que inicia Rexurdimento da cultura e literatura galega.
Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo foron os membros da Academia que propuxeronhomenaxear a algún escritor ou escritora, que exaltara e promocionara a nosa lingua. Un requisito imprescindible, ata o de agora, é que a figura homenaxeada finara, polo menos, des anos antes.
Como non podía ser doutro xeito, a primeira escritora homenaxeada, no ano 1963, foi a mesma Rosalía de Castro seguíndolle en anos posteriores: Alfonso Castelao, Eduardo Pondal, Francisco Añón, Curros Enríquez, López Cuevillas, Noriega Varela...
Desde 1991, dezaoito anos despois da súa institución, o Día das Letras Galegas é festividade oficial en Galicia. Constitúe, ademais, a meirande conmemoración da nosa cultura e, arredor dela, desenvólvense numerosos actos organizados desde a Academia, a Xunta de Galicia, os concellos, os centros de ensino e outras entidades ou agrupacións civís que participan, en conxunto, no labor de coñecer, honrar e difundir a memoria e a obra da persoa homenaxeada.
A Real Academia Galega celebrou o pasado 2006 os seus cen primeiros anos de historia.
Fontenla Leal e Manuel Curros Enríquez, dende Habana, deron os primeiros pasos para a creación dun organismo que loitara pola lingua e a cultura galega e así, un 30 de setembro de 1906 celebrouse no salón de actos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña a constitución e primeira reunión da Real Academia Galega.
A primeira sede foi no Pazo Municipal de A Coruña, pasando posteriormente a un edificio da Rúa Tabernas, propiedade dunha das académicas, a condesa de Pardo Bazán.
O seu primeiro presidente foi o historiador Manuel Murguía, marido de Rosalía de Castro.