Vostede está aquíAnimación á lectura

Animación á lectura


Mochilas Viaxeiras sticky icon


  

As mochilas viaxeiras levan unha selección de libros, audicións e películas para toda a familia que esperamos que vos gusten. A idea é COMPARTIR en familia o pracer da lectura e do mundo audiovisual.

Vós decidides como, cando, onde… pero sempre intentando que sexa unha actividade CONXUNTA.

         En cada mochila vai unha relación do material que contén. É importante que a revisedes antes de entregala para asegurarvos que volve preparada para a seguinte saída.

          A mochila chegará un venres a vosa casa e volverá 10 días despois ao colexio. En cada mochila aparecerá a data de volta.

     Facédenos saber calquera dificultade ou defecto dos materiais, de xeito que a seguinte familia poida disfrutar da mochila.

          GRAZAS por participar e esperamos que gocedes desta actividade.

                                                   

Club de Lectura - Fin

Club de Lectura - Mesón do Vento de JULIÁN MONTOUTO LÓPEZ

E ata aquí chegou o club de lectura do curso 2023-2024. Na derradeira renión que tivemos todos xuntos e xuntas os nosos membros do club levaron doble agasallo: unha rosa vermella e un libro do cuarto prohibido. Agardamos que os desfruten e que nunca deixen de ler e de vivir a literatura. 

Club de Lectura - Manolito Gafotas (Elvira Lindo)

Manolito Gafotas - Elvira Lindo de JULIÁN MONTOUTO LÓPEZ

O derradeiro libro que leu o alumnado de 5º e 6º do club de lectura foi Manolito Gafotas, de Elvira Lindo; a primeira edición desta obra saiu fai 30 anos. Elvira Lindo é unha das autoras españolas contemporáneas máis relevantes. Dende este espazo remendamos encarecidamente ás lectoras adultas a súa última obra, En la boca del lobo.

De Manolito Gafotas aprendemos que é a próstata grazas ao seu avó Nicolás, alcumado como Superpróstata. Tamén falamos sobre o SIDA e a diferencia que existe entre o virus e a enfermidade e como se propaga. Mais sen dúbida o tema que máis lles gustou foi o das relacións amorosas e como nos declaramos hoxe en día á persoa que amamos.

Por último falamos das familias, pois a de Manolito Gafotas era cando menos peculiar. Cada quen sabe as súas, así que cada neno e cada nena trouxo elaborada a súa árbore xenealóxica e contaron algunha aventura que lles pasara aos seus familiares.

 

Club de Lectura - O misterio dos fillos de Lúa (Fina Casalderrey)

O misterio dos fillos de Lúa - Fina Casalderrei de JULIÁN MONTOUTO LÓPEZ

Un clásico da literatura galega como é O misterio dos fillos de Lúa, de Fina Casalderrey, non podía faltar no noso club de lectura. Casualmente, este libro lérano fai moitos anos no colexio, así que atopamos unhas versión antigas do libro. Isto levounos ao cuarto dos libros prohibidos, que é a onde van parar todos aqueles libros que quedaron descatalogados porque ninguén os lía.

Acaso teñen os libros unha data de caducidade? Canto tempo de vida ten un libro? Son preguntas que nos fomos facendo a raíz da incursión clandestina ao cuarto dos libros prohibidos. A vida dos libros deu uns debates moi interesantes sobre a necesidade de darlle vida aos libros máis antigos para non deixalos esmorecer.

Volvendo aos misterios de Lúa, os nenos e nenas de 3º e 4º trouxeron anécdotas das súas mascotas logo de perseguilas durante unha tarde enteira. Isto é precisamente o que facían David e Branca, os nenos que coidaron a Lúa.

Cando remataron de ler o libro, fixeron unha manualidade que consistía en crear a súa propia gata para que cada quen lle puidese inventar o misterio que se lle viñese á cabeza. Se nun futuro hai un exceso de gatos no Mesón do Vento que falen cos nenos e nenas do club de lectura de 3º e 4º.

Club de Lectura - Feliz Feroz (El Hematocrítico)

Feliz Feroz - El Hematocrítico de JULIÁN MONTOUTO LÓPEZ

No club de lectura de 2º limos con moito agarimo Feliz Feroz. O lobiño riquiño, de El Hematocrítico. Esta historia móstranos a vida do Lobiño que en lugar de ser feroz era moi feliz e moi riquiño. O seu tío intenta educalo na ferocidade, pero a natureza do lobiño é tan boa que ata fai doces de cenoria.

As nenas do club son moi intrépidas, así que foron falar con José Luís e Manuela para ver se podiamos facer o doce do Lobiño. As nenas presentáronlles a idea con tanta ilusión que nin José Luís nin Manuela puideron dicirlles que non, así que todos se puxeron a facer a receita de cenoria do Lobiño.

Cando o doce estivo listo fomos buscalo e catalo no lugar onde mellor o pasamos: na biblioteca. Se queres probar a facer o doce do Lobiño na vosa casa recordade botarlle o ingrediente secreto: 200 gramos de amor feroz.

Club de Lectura - Invisible (Eloy Moreno)

Invisible - Eloy Moreno de JULIÁN MONTOUTO LÓPEZ

Para afondar no plano emocional nada mellor que Invisible, de Eloy Moreno. Coa lectura desta obra os nenos e nenas sentíronse cómodos para falar daquelas persoas que poden ser “invisibles” no noso día a día, puxéronse no lugar dos cómplices para saber como actuarían nun caso de acoso e tamén describir a persoa que lles fixo máis difícil vivir.

Tras moito dialogar, fixeron unhas siluetas e pegáronas nas costas para que os compañeiros/as nos escribisen cousas positivas sobre cada un. Con esta dinámica os nenos e nenas coñeceron a súa cara invisible, esa cara ateigada de cousas positivas que, normalmente, descoidamos por descoñecemento.

Unha vez que as siluetas estiveron recheas de cualificativos positivos, pegáronas nun mural semellante á portada do libro.

Por último, queremos agradecer ao CEIP ADR Castelao, que nos emprestou algúns exemplares de Invisible para levar a cabo esta actividade.

Club de Lectura - O Principiño (Antoine de Saint.Exupéry)

O Principiño - Antoine de Saint Exupéry de JULIÁN MONTOUTO LÓPEZ

O alumnado de 3º e 4º de primaria estivo traballando un clásico mundial no club de lectura: O Principiño, de Antoine de Saint Exupéry. As pericias do Principiño e a mestría literaria de Antoine de Saint Exupéry leváronnos a ter debates moi interesantes sobre cuestións vitais como aquilo que nos importa de verdade, a capacidade de imaxinar un mundo distinto cando a realidade nos atormenta, a importancia de axudarse.

Ademais de filosofar tamén xogamos a crear os nosos propios cordeiros, igual que piloto lle debuxou ao Principiño. O xogo consistía en adiviñar o que o compañeiro/a debuxara no interior da nosa caixa. Para adiviñar había que facer preguntas sen empregar cifras, xa que iso son preguntas de persoas grandes.

Nas derradeiras xuntanzas traballamos coas mans. Primeiro fixemos unhas coroas de cartolina. Unha vez tivemos feitas as coroas fixemos unha manualidade con papel, cartón e pratos de papel. Nela recreamos ao Principiño no seu planeta  regando a súa rosa.

Por último, queremos agradecer ao CEIP ADR Castelao, que nos emprestou exemplares do Principiño para ler no noso club de lectura.

 

Contiños de Ardemiro

  Unha vez máis chegou a Semana do Libro e como todos os anos @s nos@s alumn@s maiores cóntanlle contos @s máis pequen@s. E este ano temos bo tempo e podemos facelo no exterior. Premede na imaxe para ver as fotos.

Club de lectura - Coller as rendas (Yolanda Castaño)

No primeiro trimestre comezamos o club de lectura co alumnado de 1º e 2º curso. O libro que limos foi Coller as rendas, de Yolanda Castaño. Este libro de poemas conta como o ourizo, a carracha, o teixo, o sapo, a cascuda e moitos animaliños máis teñen un camiño por trazar. Cada un ten unha historia, cada un ten un camiño e todos son especiais por ser eles mesmos.

Nós fomos lendo na casa e facendo reunións na biblioteca. Nesas reunións fixemos lectura en voz alta e subidas á cadeira ou á mesa. Ler é un acto de rebeldía, de contracorrente, de incomodidade, por iso decidimos romper os moldes e deixar que a lectura nos mova a facer realidade o que nos parece imposible.

Ademais, fixemos un xogo de mesa que consistía en atopar as parellas entre o animaliño e o seu poema. Nas derradeiras reunións quixemos meternos de cheo nos poemas de Yolanda Castaño e decidimos recrear os animaliños cunhas máscaras.

Yolanda Castaño é unha poeta galega que foi galardoada no ano 2023 co Premio Nacional de Poesía pola súa obra Materia. Dicía a autora que "o mesmo mar fai cada día unha distinta praia". Os poemas de Yolanda Castaño seguen abrindo horizontes, e estas lectoras son as que van construír as praias que xa están vindo.

Coller as rendas - Yolanda Castaño de JULIÁN MONTOUTO LÓPEZ

"Bajo las sombras"

  O venres 1 de marzo tivo lugar na biblioteca do centro a presentación do libro "Bajo las sombras" do autor Paco (3º de EP). Presentou o acto a súa compañeira de curso, Milena, quen lle fixo algunhas preguntas relativas á obra. Finalizou a presentación, que tivo bastante asistencia, co autor asinando os exemplares que quedarán na biblioteca do centro. Para ver fotos, preme aquí.