Vostede está aquíAnimación á lectura

Animación á lectura


Antón Cortizas

 O mércores 4 de maio recibimos a visita do escritor ANTÓN CORTIZAS que lle veu dar unha charla aos nosos alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Ed. Primaria.

  Previamente tiñamos lido unha das súas obras, "A merla de trapo", que nos gustara moito. A charla foi moi amena e aprendemos moitas cousas. Ah! e ao final firmounos todos os libros! Premede na imaxe para ver máis fotos.

Feliz Feroz 2016

 O martes 26 de abril veu ao cole por cortesía da Editorial Anaya o contacontos Iago López, vello coñecido noso porque nos ten visitado máis veces. Veu para contarlles aos de Infantil, 1º e 2º a historia dun lobiño que non encaixaba moi ben na súa familia. O conto gustounos moito e iso que os de 1º e 2º xa léramos o libro. Premede no lobo para ver as fotos.

Espantallo amigo 2016

  Outro dos autores que quixemos homenaxear este ano Foi Xosé Neira Vilas. Así que todos os alumnos de Ed. Primaria mercamos e lemos o seu libro "O espantallo amigo". Logo, o 20 de abril, fomos á Casa da Cultura en Ordes para ver unha representación da mesma obra por parte da compañía "Os Quinquilláns".

  Pásamolo xenial véndoa e agora coñecemos moito mellor a un dos autores máis importantes que deu Galicia.

Apadriñamento lector 2016

 Volvemos a repetir unha das exitosas actividades do curso pasado. Os nosos alumnos de 4º,  5º e 6º curso contáronlle contos aos seus compañeiros máis pequenos durante a 3ª semana de abril. Non podían faltar varios contos sobre as aventuras de Don Quijote, celebrando o cuarto centenario de Cervantes. Unha vez máis, grazas aos nosos alumnos maiores que demostraron unha gran responsabilidade e se esforzaron ao máximo ensaiando e preparándose para estes días.

4º Centenario de Cervantes

 O mes de abril celebráronse os 400 anos da morte do noso escritor máis ilustre: Miguel de Cervantes Saavedra.

   No noso cole non deixamos pasar esta data sen celebrala como merece. Aquí podedes entretervos cunha morea de actividades on-line premendo na imaxe de Cervantes.

Paula Carballeira 2015

 O mércores 13 de maio tivemos o pracer de recibir no CEIP do Mesón á coñecidisima Paula Carballeira. Para os que aínda non o sabedes, Paula, natural de Fene e licenciada en filoloxía, é unha muller sumamente polifacética posto que escribe libros infantís e xuvenís, traballa como actriz e é unha xenial contacontos que conecta totalmente con calquera tipo de público.

  Premede na imaxe para ver as fotos do evento. 

Inacio Vilariño 2015

 Dentro do conxunto de actividades que facemos no colexio na 4ª semana de abril para celebrar o Día do Libro destacou a presencia do polifacético lalinense INACIO VILARIÑO (escritor, cómico, titiriteiro e varias cousas máis).

  No noso cole contounos as súas historias de burros, pollinos, cenutrios ou onagros e ademáis deunos un concerto de mirlitón e mini-guitarra. Premede no burro e veredes que ben o pasamos! 

Apadriñamento lector 2015

  No 2º trimestre os alumnos de 5º e 6º curso comezaron a levar o control de préstamos de libros na nosa biblioteca demostrando a súa responsabilidade. Ademáis, para facer ver aos máis pequenos as marabillas da lectura durante a última semana do trismestre foron polas clases de Infantil, 1º e 2º contando diversos contos. A experiencia foi para eles un desafío que mereceu a pena e que superaron con alta nota.

Contacontos Iago López 2014

  O 20 de maio, por cortesía da Editorial Anaya, visitounos Iago López, quen xa nos era coñecido por telo visto o ano pasado. Veulles contar aos rapaces de infantil e 1º ciclo un par de contos: "O aprendiz de home do saco" e "O señor corpo quere xogar".

  Non hai nin que dicir que os rapaces gozaron da súa actuación. Se queredes ver canto, clicade na imaxe do home do saco.

Fina Casalderrey 2014

  O martes 18 de marzo recibimos a agradable visita da gran escritora pontevedresa Fina Casalderrey que veu darlles unha charla aos nosos alumnos de 2º e 3º ciclo.

  Fina foi (e síntese) mestra así que coñece perfectamente aos rapaces. Falou da súa vida e da súa obra, díxonos cousas moi divertidas e outras moi tristes que nos fixeron reflexionar. Ensinounos o que é a sensibilidade e o valor das palabras.

  Ao final firmounos libros e deixounos unha preciosa carta. Se queredes ver as fotos, premede na súa imaxe.