Skip to Content

    

   

EXPERIENCIAS FÓRA DA AULA (3º TRIMESTRE)

Neste 3º trimestre todo o alumnado do noso cole se animou a vivir aventuras fóra da aula, tal vez pola chegada do bo tempo ou tamén polo inminente remate do curso escolar. 

Sexa dun xeito ou doutro, o importante é que gozaron de momentos compartidos; para algúns por primeira vez, e para outros como despedida da súa etapa na educación primaria.

Comezaba o alumnado de 5º de primaria o ciclo de saídas; facendo unha visita ao Museo Fortaleza de San Paio de Narla (Friol). Deste xeito retrocedían centos de anos ata situarse nos séculos XVI-XVII-XVIII e nas formas de vida daquela época. Entre outras cousas, coñeceron de preto as cortes, a bodega, útiles de traballo agrícola, obxectos de equitación, ferramentas para o tecido da la e do liño; así como obxectos artísticos, mobiliario doméstico e unha lareira renacentista.

Continuaban os máis pequenos do cole; os alumnos e alumnas de infantil, 1º e 2º de primaria; que puxeron rumbo a Marcelle Natureza. Alí pasaron unha xornada en contacto con diversos animais, con xogos ao aire libre, con comida campestre, coa impagable compañía das súas profes e compañeiros e compañeiras; e como non, cunha viaxe de ida e volta do máis animada!!!

Xa entrado o mes de xuño eran os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria os que abandonaban a rutina diaria para facer unha visita á Casa do Queixo-Granxa Grixalba. De novo o contacto coa natureza e o aire libre foron o escenario idóneo para desenvolver os obradoiros: proceso da la de ovella, transformación do leite en queixo, traballo con froitas e verduras e taller artístico de cores e olores.

E como non podía ser doutra maneira, a derradeira saída deste curso protagonizárona os rapaces e rapazas de 6º de primaria; que pasaron unha xornada de aventura por todo o alto no Roq Park de Viveiro: pontes colgantes, tirolina, comida no Monte San Roque e cars. Un día esgotador e perfecto ao mesmo tempo, para poñer o punto final á estancia no colexio.

 

                                  



book | by Dr. Radut