Proxecto infantil sobre educación emocional (2016-2017)

A fundación Meniños seleccionou ao noso centro para a posta en práctica dun novo proxecto de centro sobre a educación emocional. Baixo o título "Viaxe ao reino das emocións" e baixo o paradigma do noso proxecto de centro da exploración das grandes civilizacións, exploraremos a importancia da educación emocional. A integración desta formación na actividade habitual da nosa aula supón múltiples beneficios no desenvolvemento dos nenos e nenas, aportando unha mellor autoestima, relacións sociais positivas e unha boa adaptación escolar, social e familiar.

Actúa, así mesmo, como factor protector ante o desenvolvemento de condutas violentas tales como o bullying ou a violencia de xénero. A aparición deste tipo de condutas está directamente relacionada con aspectos básicos da intelixencia emocional como o manexo das emocións e o desenvolvemento da empatía, polo que para a súa prevención é indispensable aprender dende a infancia a entender que son as emocións e a identificar como facer unha xestión positiva das mesmas.

A etapa de segundo ciclo de educación infantil (3-4-5 anos) é un momento idóneo para iniciar esta aprendizaxe, no que se debe profundar en complexidade e segundo as necesidades persoais durante toda a vida.

A nosa proposta: Viaxe ao Reino das emocións. Pretende achegar aos nenos e nenas ao mundo das emocións, e para lograr este obxectivo propoñemos unha viaxe na que poderán descubrir as principais competencias emocionais da man dos personaxes duns contos. Estes relatos serven para introducir temas como a conciencia emocional, a regulación emocional, a autoestima, a empatía ou a resolución de conflitos de xeito sinxelo e ameno para o alumnado. Así mesmo, da paso a actividades nas que se introducen xogos de cartas, vídeos, cancións, baile e actividades manuais, e nas que se lle da moita importancia a vosa participación, a vós....ás familias.