LUZ POZO GARZA
Luz Pozo Garza, nada en Ribadeo o 21 de xullo de 1922 e finada na Coruña o 20 de abril de 2020, foi unha escritora, poeta e crítica literaria galega, unha das máis destacadas da literatura galega da segunda metade do século XX. Desenvolveu unha longa traxectoria docente no Instituto de Nigrán como profesora de Lingua e Literatura española. Códice Calixtino (1986, Sotelo Blanco Edicións) é unha das súas obras máis destacadas. En 1995 foi recoñecida coa Medalla Castelao. Dende 1996 foi membro numerario da Real Academia Galega, ocupando o cargo de vicesecretaria de 1997 a 2001. En 2007 foi proposta pola AELG para o Premio Nobel de Literatura. Os seus poemas foron traducidos ao castelán, portugués, catalán, francés, inglés, alemán, húngaro, ruso e xaponés.
BÉBEDA
Rosalía
quen me dera
ter nacido nunha aldea
do Courel
a medir aqueles cumes pura liña
puro amor
solsticio do meu inverno
cun ramallo na tardiña
cun fío desvencellado
tirado da alma inxel
medida do meu salaio
Quen me dera Rosalía
beirear a lonxanía
rocha pura
bébeda no leixamento da lentura
no tempo desaxeitado
nun infindo desleigado
e virar voltar volver
beber o Lor
puro laio
bico a bico
beixo a beixo
buxo a buxo
labio a labio
a beber a beberaxe
beizo a beizo
laxe a laxe
da paisaxe do Caurel
TEMPO DE VIVIR
Pero non te despidas rapaz da primavera inda a leves ferida na inocencia primeira
Vai o amor impreso na textura do ser No segredo da chuvia. Na luz que esta por ver
Nas PALABRAS DA TRIBU deste reino do Norte
No MAR MAIOR das ondas que escorrentan a morte
E vai a primavera ó par da poesía
nunha camelia ilesa no ser de Rosalía
Na saudade dos ríos indo a Palas de Rei
No designio das aves que viven noutra lei
E ti ensumido en verbas. En cantigas. En matos.
A custodiar enviso no reino dos regatos
Sempre a acadar a ROSA da inocencia perdida
da música acordada. Da mocidade ida
con Rosas a Saleta-Sempre a rosa do norte
que nos libra do tempo e nos salva da morte
...
Manuel: a miña aperta nesta hora. Neste día
Que vos sexan propicios o amor e a poesía
Setembro de 1995 (Homenaxe a Manuel María)