RINCÓN DA POESÍA

 

RINCÓN DA POESÍA

 Xosé María Álvarez Cáccamo / Marisa Núñez:
O libro dos cen poemas (Antoloxía da poesía infantil galega)
Ilustracións de Manuel Pizcueta

Ed. Espiral Maior. A Coruña, 2002

O libro dos cen poemas

Álvarez Cáccamo reflexiona no "Limiar" sobre a necesidade dunha aprendizaxe progresiva da mirada poética, educada desde o hábito lector na primeira infancia. Considera que se deben incluír no heteroxéneo hipertexto que chamamos Poesía Infantil os poemas que teñen como destinatario as crianzas pero tamén aqueles con receptividade posible nesta idade lectora polos seus significados ou formulación musical. Mais advirte que non se deben confundir destinatario e protagonista textual, que pode ser unha simple evocación nostálxica do autor, nin apreciar poemas que non o son, pois forman parte do nicho ecolóxico da Pedagoxía ou das boas intencións e mensaxes, seguindo un modelo de simplicidade semántica e de formulación discursiva elemental. Porque, conclúe, un poema infantil non é un subproduto literario, senón a esixente transparencia da música e o lléxico sostendo o peso de imaxes tan polisémicas como o profundo mundo interior do pequeno ser humano a quen o texto vai destinado.
Recóllense a continuación cen poemas tradicionais ou populares e tamén de diversos autores (corenta e dous en todal) de todas as épocas, desde clásicos como Rosalía de Castro a contemporáneos como Gloria Sánchez. Estrutúrase en cinco apartados, alternando un criterio temático e un xenérico, nos que os poemas aparecen dispostos cronoloxicamente. "Animais": poemas que cantan aos animais máis presentes na vida cotiá do espacio doméstico ou rural galego, sen esquecer os mariños. "Cancións de berce": arrolos repetitivos e eufónicos que cumpren o obxectivo de acougar o infante para propiciar a chegada do sono, emparentados coa tradición tácita do surrealismo. "O mundo": o sol, a lúa, o vento, o arco da vella, os meses, o camiño... e o propio semáforo constitúense en motivos poéticos que converten en transcendente a vivencia constante da súa presencia diaria. "Cancións de festa": o Entroido, o Nadal, os Reis ou os Xigantes e Cabezudos das festas patronais están presentes quer na poesía popular quer na de autor como unha combinación lúdica de ritmo e celebración. "Nenos e nenas": fórmulas para xogos e textos nos que eles son os suxeitos principais da acción poemática, desde unha visión nostálxica, inxenua ou tamén dramática.
Pecha o libro un amplo caderno de actividades sobre quince dos poemas. Teñen como obxectivo educar ao lector cativo na adquisición de capacidades de comprensión e expresión oral e escrita, para favorecer a recepción creativa e pracenteira do texto, unha lectura comprensiva e participativa. Incorpora propostas de complexidade progresiva, desde Educación Infantil (para exercitar a oralidade) ata o Primeiro Ciclo de Secundaria (para un achegamento interpretativo). Procuran estimular a participación do alumnado, posibilitando ademais en moitos casos o traballo interdisciplinar nas aulas.

 

209 p. - 17x24 cm.                                                               ISBN    84-95625-47-4

 

Powered by Drupal - Design by artinet