Os valores da arte
O 26 de abril de 1937 a localidade vasca de Guernica foi bombardeada. Os xornais franceses titularon a noticia como “O máis horrible bombardeo desde o comezo da guerra”. Consternado, Picasso elaborou un cadro de máis de 7 metros de longo. A obra, dominada pola cor negra, escenifica os espantos da guerra.
O luns 13 de novembro un grupo de alumnos/as da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) xunto co seu mestre Darío Basso fixeron entrega ao colexio dun postscripto do Guernica. O tema da nai co fillo, un dos máis significativos motivos incluidos no Guernica, está agora pendurado nunha parede do noso centro.
Por que?
A filantropía, o acto de dar sen querer recibir nada a cambio. Darío Álvarez Basso, precursor da iniciativa, sabe da importancia de compartir xa que el mesmo cedeu a súa biblioteca persoal á escola onde traballa.
Que une a ambos centros?
O mecenas e empresario galego José García Barbón (Verín 1831, Vigo 1909) legou á cidade de Vigo os terreos onde se asenta a EMAO e o noso colexio. Foi por iso que este grupo de alumnos/as e o seu mestre decidiron que o Colexio Plurilingüe García Barbón ía ser o lugar ideal para que os nosos estudantes disfrutasen do seu traballo e que puidesen comprender así o mundo desde diversas linguaxes.
Recibimos con honra esta obra e agradecemos profundamente a doazón deste fermoso cadro xa que cremos que a arte non só transmite emocións senón tamén mensaxes que nos fan reflexionar.