No Día Internacional contra a Violencia de Xénero, puidemos dar a coñecer os resultados do proxecto da ANPA ante a sociedade, entregar os premios do concurso de creación artística, inaugurar o mural pintado por Lula Goce e, sobre todo, homenaxear a Águeda González Portela, alumna do CEIP Fontes-Baíña entre os anos 1990 e 1997, a través do descubrimento dunha placa onde se pode ler un poema escrito por Águeda cando estudaba no centro.
En marzo de 2021 comezamos a construír o proxecto « A igualdade : un mar de oportunidades » no que foron collendo forma as actividades coñecidas por todos e todas e que culminarían no marabilloso mural pintado pola artista baionesa e mamá de dous alumnos do colexio, Lula Goce.
Dándolle forma a todas estas actividades, quixemos despertar a lembranza de Águeda e dedicarlle este proxecto para concienciar a comunidade educativa da importancia da prevención da violencia de xénero e da creación dunha contorna educativa e social potenciadora da igualdade.
Visitamos a súa familia para contarlle a nosa idea e decatámonos de que Águeda sería a nosa fonte de inspiración e o fío condutor do proxecto : alumna no CEIP Fontes Baíña entre os anos 1990 e 1997, filla dunha percebeira, Águeda era poeta, creativa, amiga e compañeira, unha nena e unha muller do noso mar.
O 25 de novembro de 2021, rematamos o proxecto « A igualdade : un mar de oportunidades » co convencemento de ter contribuído a transmitir valores de respecto, tolerancia e igualdade entre mulleres e homes coa implicación do profesorado e das familias.
Foi un evento moi emotivo que non esqueceremos nunca. Organizado pola Concellaría de Igualdade, puidemos coñecer a música de High Paw e O Rabelo a través da concelleira Yasmina Moreira que guiou o acto, coa axuda de dúas alumnas de sexto. Gozamos da lectura de poemas escritos por Águeda cando estaba no CEIP Fontes-Baíña, a cargo de Claudia, Lúa, Martín e Isis, estudantes do último curso de primaria. Tamén escoitamos a canción ”Bolboretas polo vento”, que representa o rexeitamento da violencia; composta polo mestre José Carlos González Fernández, foi interpretada polo alumnado de quinto e de sexto de primaria, acompañados ao piano pola mestra de música, Eva.
Grazas á Secretaría Xeral de Igualdade pola axuda recibida, ao centro pola súa implicación e axuda na concepción e no desenvolvemento do proxecto así como a todas as entidades que nos deron o seu apoio: Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, CIM, Cofradía de Pescadores, Universidade de Vigo, Deputación de Pontevedra, Obradoiros de Emprego do Val Miñor e a Garda Civil.
Moitísimas Grazas a todas as persoas que nos acompañaron nun día tan emotivo: Xefe Territorial de Educación de Pontevedra, Alcalde de Baiona, Inspectora de Educación, Concelleiras e Concelleiros, Directoras de outras escolas, Claustro de mestres, ANPA, Familias, Alumnas e Alumnos do CEIP, Familia de Agueda González Portela.
https://valminortv.com/2021/11/25/baiona-reclama-mais-recursos-para-a-loita-contra-a-violencia-machista/?fbclid=IwAR3rY7_1j2CqSFThiMaWLuVSfMN-NnckcEq0nLu9egpYQfNF7f0sHGm1tB0
https://telemarinas.com/baiona-reclama-mas-recursos-para-la-lucha-contra-la-violencia-de-genero/?fbclid=IwAR0ipyTQBvZcDjGOMEN9p48DIzNQKBthFLeL2D4qBk2csCUeLQJmd5bFEtw
Álbum: Curso 2021-2022 -> Acto conmemorativo 25 N