A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publicou recentemente o Plan Integral contra o acoso e ciberacoso escolar, así como a actualización do Protocolo educativo para a prevención, detección e tratamento do acoso e ciberacoso escolar co fin de dar resposta a este tipo de situacións nos centros educativos da nosa comunidade autónoma.
Unha das medidas establecidas nestes documentos é a instalación do denominado Punto Laranxa en cada un dos centros de ensino. Trátase dun espazo físico onde calquera persoa poderá denunciar de xeito anónimo unha situación de posible acoso ou ciberacoso escolar.
O CEIP está a espera de recibir o material que conforma o mencionado Punto Laranxa, o cal será instalado nun lugar visible do centro e accesible para todas as persoas que forman parte da comunidade educativa.
Este punto consta dunha caixa onde calquera persoa pode depositar información relativa a unha posible situación de acoso ou ciberacoso escolar e, ademais, dun pequeno espazo onde o centro será quen de incorporar información adicional relacionada con esta temática.
No CEIP FONTES BAÍÑA constituiuse o denominado Equipo ACAE (Actuación Contra o Acoso Escolar), un equipo docente encargado de levar adiante as medidas establecidas no devandito protocolo con relación á detección e á intervención ante posibles casos de acoso e ciberacoso escolar. Este equipo está formado por:
- A xefa do Departamento de Orientación: Noelia Fernández Colmenero
- A coordinadora de benestar e convivencia: Montserrat Prado Abril
- Un/unha docente nomeado/a pola dirección do centro para cada caso en función do alumnado implicado, que será a persoa instrutora do procedemento corrector, de ser necesario
As persoas que dende casa queiran enviar unha mensaxe denunciando un posible caso de acoso escolar ou ciberacoso poden facelo a través da páxina web.
Premendo no botón punto laranxa, situado na parte superior dereita da páxina web do centro, ábrese unha caixa na que se pode escribir a mensaxe. Esta chegará ás integrantes do equipo ACAE, quenes revisarán diariamente as posibles denuncias.