MURAL DE LUGA GOCE
A artista internacional Lula Goce, nai de dous alumnos do centro, foi a encargada de levar a cabo a pintura do precioso mural na entrada do colexio.
Tal como recolle o proxecto da ANPA, a metodoloxía seguida nesta actividade foi eminentemente didáctica e baseada no uso das novas tecnoloxías. A artista presentou a súa obra cunha proxección en power point, os debuxos dos nenos e nenas foron escaneados e enviados por correo electrónico á artista polo propio alumnado que tamén realizou gravacións coan diferentes dispositivos pertencentes ao centro (tabletas). Grazas a Lula contamos cunha gravación aérea da intervención feita cun dron.
Desde o inicio o alumnado puido tomar parte en todo o proceso creativo, achegando bosquexos para inspirar a Lula e entrevistando a artista nas distintas visitas realizadas por clase á intervención. A súa execución tivo unha duración aproximada de 10 días con algunhas interrupcións debido á chuvia.
O mural de 60 m2 constituirá para sempre un símbolo permanente que nos lembrará todo o que somos capaces de facer como comunidade educativa en conxunto e amosará o rexeitamento unánime á violencia de xénero e a nosa loita pola igualdade de xénero.
Compartimos convosco un precioso texto da artista verbo do mural:
Ao Son do Mar
Esta nena empoderada ten a forza de mover mareas e de pór en marcha a todos os peixes e animais mariños. Facendo soar unha caracola, ela fala a música do mar, das sereas e sereos, das olas e das mareas, o murmullo dos temporais e da mar chicha, a música da natura.
Mirando cara ao horizonte (o patio dos nenos), ao monte de Baíña e incluso máis lonxe, ao mar. Ten unha actitude forte e segura, de harmonía co medio e de sabedoría, unha deusa do coñecemento, do respeto, da inclusión, das especies e do ritmo e equilibrio que se produce no mar.
Unha nena como metáfora da esencia das mulleres do mar. Unha homenaxe a todas as mulleres que traballaron e traballan no medio mariño, de maneira directa e indirecta. Recollendo, pescando, limpando peixe, preparando as nasas, as redes, e todos aquelas labores que fan posible a pesca, o cultivo e a recolleita dos froitos do mar. Un legado cultural e social que hemos coidar coma un tesouro.
Lula Goce
- 81 lecturas