Día das Letras: excursión a Santiago de Compostela
Excursión co gallo da celebración do Día das Letras 2015. Visita á exposición "Camiño de Santigo: a orixe" na Cidade da Cultura, Praza do Obradoiro e finalmente asistencia á obra de teatro "Sopa de sapo", de Talía Teatro, no Salón Teatro.
Exposición "Camiño de Santigo: a orixe"
A nova gran exposición do Museo do Gaiás. Trátase dunha mostra de 150 pezas entre as que hai grandes obras da pintura e mesmo pequenos obxectos asociados á peregrinación.
Amplía a información en Cidade da Cultura
"Sopa de sapo", de Talía Teatro
A compañía Talía Teatro desembarca esta semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela coas súas dúas últimas propostas para público familiar e adulto –‘Sopa de sapo’ e ‘Demolición’, respectivamente–, que se representarán na sede do Centro Dramático Galego en función dobre desde o xoves 14 ata o domingo 17.
Estas catro xornadas darán comezo ás 18.00 horas co espectáculo ‘Sopa de sapo’, unha comedia escrita e dirixida por Artur Trillo que nos mergulla nos contos tradicionais de bruxas e feitizos. Recomendada para unha franxa de idade de entre 6 e 11 anos, trátase dunha historia sobre unha familia de meigas, á que nesta ocasión dan vida Carla Capeáns, Diego Rey, Marta Ríos e Rubén Prieto.
Praza do Obradoiro
A praza do Obradoiro é o centro monumental de Santiago de Compostela. O seu nome galego parece derivarse dos talleres (obradoiros) de canteiros que traballaron na construción da fachada barroca da Catedral, que domina a praza e dá a benvida aos miles de peregrinos que chegan polo Camiño de Santiago.
Os edificios que pechan a praza -a Catedral, o Hostal dos Reis Católicos, hoxe parador nacional e antes hospital de peregrinos; o colexio de San Xerome, sede do Reitorado da Universidade, e o pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago- son representación dos principais polos da vida da capital galega: a relixión, a educación universitaria, a atención ao peregrino e ao viaxeiro, e a Administración.
Esta praza ten, pois, a calidade de resumir os usos e a historia milenaria da cidade. Un xiro de 360 graos permite recoñecer a simple vista a presenza de distintos estilos arquitectónicos, xurdidos en máis de 700 anos de construción.
Ver +: A Catedral de Santiago
- blogue de fondonois
- APIs de Blogue
- Imprimir