MAFALDA E AS SÚAS AMIZADES, NA CLASE DE 4 ANOS
Co gallo da entrega dos premios Príncipe de Asturias 2014, nos que o humorista gráfico Quino foi agasallado pola súa traxectoria profesional, os medios de comunicación lembrábannos a grande achega educativa dos seus máis coñecidos personaxes: Mafalda.
O seu galardón de comunicación e humanidades fíxome lembrar nas moitas horas de formación nas que reflexionabamos sobre a necesidade de levar á escola os materiais producidos pola sociedade na que vivimos, para poder velos dende múltiples perspectivas.
E xa que o cómic creado por Quino hai xa 50 anos foi no seu inicio unha obra dirixida aos adultos na que reflectía o seu mundo visto polos ollos dun grupo de nenas/os, pareceume interesante facer unha inmersión neste tipo de texto co desexo de desenvolver nas/os nenas/os a súa capacidade para producilo e interpretalo.
A través dunha selección de imaxes claras de diferentes expresións da protagonista do cómic, estiveron a interpretar o seu estado de ánimo dialogando sobre o que facía, onde estaba, que podería pensar ou que podería dicir… para despois elixir as cores que mellor representaban un destes sentimentos no hipotético suposto de que Quino non publicara as súas tiras cómicas nun xornal e se plantexara a posibilidade de darlle cor ás súas viñetas.
Seguindo o fío condutor dunha secuencia, buscaron opcións para mellorar a conduta dos personaxes nesa situación e así decatarse da ampla ambigüidade que proporciona cada visión individual dun feito da vida cotiá.
Tamén adicaron tempo, en pequenos grupos no Recanto da biblioteca, a tomar conciencia das emocións dos personaxes e dos seus sentimentos. Estas reflexións escribíronas na súa propia tira cómica, respectando a fase de escritura na que se atopa cada quen, establecendo un diálogo entre o plantexamento do autor e a súa propia visión do que acontece… co desexo de esbozar un pequeno sorriso nas/os admiradoras/es da obra de Quino (VER TEXTO COMPLETO COAS PRODUCIÓNS DAS/OS NENAS/OS NO ARQUIVO ADXUNTO EN PDF).
MAR Santiago Arca
Adxunto | Tamaño |
---|---|
MAFALDA E AS SÚAS AMIZADES, NA CLASE DE 4 ANOS.pdf | 2.26 MB |