"UN LAPIS POLA PAZ"
Na semana do 26 ao 30 de xaneiro, no CEIP Emilia Pardo Bazán, realizaremos actividades conmemorativas do Día da Paz. Desde 1964, para conmemorar a morte de Gandhi, celébrase, todos os 30 de xaneiro, o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, recoñecido pola UNESCO no ano 1993.
Nesta data recórdase a necesidade da educación para a tolerancia, a non violencia e a paz.
Durante toda a semana do 26 ao 30 de xaneiro soará pola megafonía a seguinte melodía gravada polo alumnado de 6ºA de primaria: OS NENOS QUEREMOS A PAZ .
O día 26 de xaneiro de 2015 abriremos o XVII Rastrillo Solidario creado coas aportacións desinteresadas das familias do noso alumnado e organizado polo persoal docente, non docente e ANPA Milnen@s. A exposición estará aberta no Salón de Usos Múltiples do colexio para que o alumnado a visite acompañado dos seus mestres durante a xornada da mañá.
Como en cursos anteriores a recadación obtida destinarase a unha entidade sen ánimo de lucro, concretamente ao Banco de Alimentos Rías Altas (BALRIAL).
A recadación obtida no Rastrillo Solidario foi de 2.480,40 €
A nivel de traballo colectivo cabe destacar a creación dun mural conmemorativo do Día da Paz, baixo o lema “UN LAPIS POLA PAZ” composto por frases alusivas á conmemoración.
O venres día 30 de xaneiro conmemoraremos todos xuntos o DIA DA PAZ.